Fotografía Paula Gómez del Valle
Hai case vinte anos que
Xerais sacaba á luz unha antoloxía de narradoras galegas titulada
así, NARRADORAS. Lembro tela nas miñas mans hai iso, case vinte
anos, e outra vez hai só uns poucos días e sentir un feixe de
emocións con ela. Por unha banda que cada días somos máis, como
dicía o bicho que nos acompañou na infancia. Por outra, que aquelas
autoras que alí figuraban sendo promesas, hoxe son autoras firmes
nas nosas letras. Naquel índice había nomes como: María
Reimóndez, Ánxela Gracián, Marica Campo, María Canosa, Ledicia
Costas, Inma López Silva, todas indiscutibles. Mais esas páxinas
agochaban un tesouro literario. Un pequeno relato inquedante,
arrebatador de tan sinxelo, co simplísimo título de O pequeno
Mario, asinábao Uxía Casal.
Póñome desta beira dos
case 20 anos e redescubro Saturno tamén é deus. Galaxia xa
se encargara de editalo en 1997 e Uxía Casal facíase un oco entre a
nómina de narradoras para adultas despois dun par de obras para
crianzas. Agora Saturno tamén é deus ten outro aspecto, como
as cousas maduras. Moldes de letra máis acaídos, unha sobria
elegancia, unha fantástica capa de Paula Gómez del Valle que fai
unha xustiza infinita ao que agocha dentro o libro, unha disposición
da grafía e do silencio que fan da lectura algo realmente
pracenteiro. Unha aposta máis que arriscada da editorial URCO, esta
de reeditar un libro que xa funcionou noutro momento.
Fagamos contexto: Aquel
volume de narradoras viña a dicir algo así como si que as hai,
si que existen, as mulleres son algo máis que poetisas e
investigadoras e como narradoras tamén teño moito e moi bo que
dicir. E esta recente aposta de URCO vén dicirnos algo como non
só é valioso o que dixeron no seu día senón que o segue a ser e
por iso refacemos un libro ao que, se cadra, non se lle prestou toda
a atención que se debía e que agora volve funcionar perfectamente
porque é atemporal.
O libro funciona incluso
mellor agora que antes grazas á renovación estética da envoltura,
da forma, moito máis vencelladada ao contido. E tamén porque está
composto sobre unha receita de éxito: a autora engraxa a maquinaria
de cada relato e afina tanto a meticulosidade da súa prosa
característica, limpa, observadora, moi achegada ao cotiá, que cada
un dos relatos latexa aínda con frescura. E, dentro deste libro,
como un agasallo para o público lector xa que non estivo naquela
primeira edición de Saturno tamén é deus, aquel relatiño,
O pequeno Mario.
É a autora unha experta
no perverso arte de burlar a linealidade narrativa, mais enganándonos
con ela. A súa técnica é depurada: proponnos un lugar achegado ao
noso íntimo, un personaxe común tal que nós, que tamén o somos,
un desencadeante simple, agochado tras un par de palabras que nada
fan sospeitar e, driblando a progresión lóxica dos acontecementos,
un desenlace que xa é marca Uxía Casal: rápido, case
imperceptible, e xa estás fóra do relato pensando en que pasou,
desencarreirada do circuito habitual e sufrindo un choque da lóxica
contra o acontecido.
Uxía Casal xoga co seu
público lector desde dentro de cada relato e por detrás das
palabras. Ao rematar o libro mesmo podemos imaxinar que escoitamos
unha risa malévola por tras das grafías. A autora prantéxase un
reto desde as primeiras liñas e supón este un xogo co control da
coa lectura, fainos sentir, unha vez que entramos no xogo, o
desacougo de agardar o susto e o pracer de recibilo e ver que non
chega por onde intuÏamos.
Suicidas accidentais,
prantas que medran se as alimentas con palabras e algunha outra
cousiña, nenos desacougantemente imperfectos, insectos que se
instalan en lugares inaccesibles, homes grises que se renden á voz
que os obriga a ser, desesperanza, malas intencións, escuridade, o
silencio.
E, levándoo ao noso
terreo, temos que ter en conta a distancia deses vinte anos ao
revisar a perspectiva de xénero coa que son tratados estes relatos.
A autora, a pesar de ter fantásticos personaxes femininos, opta case
sempre polo emprego do masculino e da primeira persoa no relato. Se
cadra faino por xogar con eles, cos homes, e levalos ata o límite
creando unha distancia que permita a crítica e mesmo tempo que a
ridiculización –sen afán de ofensa-, só de entregar ao seu
público lector unha serie de individuos mancados no seu íntimo,
agredidos polos obxectos do seu círculo de confort de maneira
inesperada e cruel e poder atender á confrontación con personaxes
femininas, poucas pero rotundas, trunfantes, empoderadas no bando da
autora, no lado da sombra.
Porque a sombra tamén
merece celebación, xa que Saturno tamén é deus.
Uxía Casal, Saturno tamén é deus, Urco Editora, 2017
Saturno tamén é deus de Uxía Casal por Emma Pedreira
Reviewed by segadoras
on
22:54:00
Rating:

Ningún comentario: