Ata o
8 de abril, no Pazo da Deputación de Pontevedra pódese ver (e
sentir) a exposición de poesía visual Rompe. Xoga en igualdade
de Isabel Blanco, Irene Silva e fotografía de Noemí Chantada.
O
catálogo realizado pola Deputación de Pontevedra contén unhas
fotografías fantásticas de Noemí Chantada ás que se lle axuntan
os versos das autoras. A cor e as tipografías usadas xa nos anuncian
unha ruptura, coas liñas habiuais, na proposta poética. Aínda así,
a propia exposición é a que pon en diálogo as diferentes linguaxes
de materiais, espazos ou textos.
Estamos, polo tanto, ante unha
poesía visual, moi visual, na que o formato tradicional do papel
acompaña, e complementa, nun primeiro momento, ás imaxes do
catálogo e, posteriormente, á experiencia en tres dimensións dos
dezaoito paneis que conforman este proxecto. Si, digo proxecto porque
a interacción da persoa receptora constrúe o obxecto final. Se
quere desfrutar do poema ten que moverse ata o lugar, é dicir, esixe
unha actitude proactiva na que se decida cando, como e por que
desprazarse ao recinto. Ademais, nesta proposición, que interactúa
co medio no que se expón, ese lugar físico, que xa non é o papel,
aporta un significado, a maiores, ao que estamos vendo. Quizais, por
isto, o contraste que ofrece a pedra, a seriedade do Pazo da
Deputación de Pontevedra, os teitos demasiado altos, etc, fan que
estes paneis rompan, coa súa denuncia, a soberbia arquitectónica deste
tipo de institucións nas que a entrada ás mulleres foi
excesivamente complicada e complexa.
A
palabra no tempo e no espazo conxuga coas dezoito bonecas intervidas.
O uso da Barbie non é casual. Este símbolo que se converteu nunha
icona da sociedade sexista na que vivimos sácase do seu contexto
para producir un estrañamento. Non son as bonecas coas que xogan as
crianzas e que desexan imitar no seu cabelo dourado, ollos azuis,
extrema delgadez, pel branquísima e un mozo, Kent, tan
"perfectísimo" coma ela. Non, non son esas bonecas. Son as
intervidas por unha outra mirada que non anceia converterse nun
ventre de aluguer, nin levar zapatos de tacón que dificulte o
movemento ou ser escrava da beleza. Son as bonecas Barbie da nosa
infancia re-visitada noutro tempo, noutro espazo e noutro formato que
nos poñen ante un espello para denunciar e visibilizar a violencia
que sofren as nenas e as mulleres.
Ollemos,
entón, esta poesía visual desde todos os ángulos posibles.
Sintamos o frio do seu cristal. A dor das cadeas. Escoitemos as
palabras dos versos, das bonecas, do espazo e, incluso, do tempo.
Mastiguemos, entón, todas as emocións desta poética sensorial e
construamos o poema final que nos propoñen Irene Silva e Isabel
Blanco nesta mostra transgresora.
Rompe. Xoga en igualdade de Isabel Blanco e Irene Silva por Eli Ríos
Reviewed by segadoras
on
09:26:00
Rating:

Ningún comentario: