Majareta todas por Arancha Rodríguez Fernández



" Apenas conseguía arrastrarme de la cama al sofá.
Estaba claro: no podría reunir las fuerzas o los ánimos necesarios para hacer los cómics que tenía previstos... medio previstos.
Mi yo maníaco de entonces no estaba capacitado para ocuparse de mi yo deprimido de ahora"

Para quen non coñeza a Ellen Forney, esta estadounidense nada no 68 é debuxante e profesora. Asociada aos grupos máis indie da novela gráfica norteamericana, pasou do punki ao alternativo, con obras como I love Led Zeppelin e Monkey Food: The Complete “I was seven in ‘75” Collection, alén de ilustrar O diario completamente verídico dun indio a tempo parcial, de Sherman Alexie, gañador do National Book Award. O sorprendente desta debuxante e escritora é como paulatinamente as súas obras foron conquistando a un público moi lonxe dos estándares canónicos do libro e á crítica (á crítica ianki) a un tempo, facéndose camiño nun mundo – o da banda deseñada– tradicionalmente monopolizado por homes.

A simple vista, Majareta semella unha novela gráfica cercana, animada e apta para todos os públicos. E é todo iso sen dúbida. Mais é tamén un libro que, reapropiándose dun termo tan manido como o do seu título, asociado habitualmente ao histerismo, consegue facer unha panorámica da vida cunha enfermidade mental moi por fóra dos clichés da loucura.
Nesta biografía, que nos chega aínda máis potente ao contar con texto e ilustración, Ellen Forney narra de xeito nada superficial o seu propio diagnóstico cunha enfermidade mental: o trastorno bipolar. Lonxe de converter a novela nun catálogo de miserias, Forney consegue crear un retrato abraiantemente realista do que é o día a día dunha muller que sofre ese problema ao longo de toda a obra. Unha muller con trastorno bipolar que, porén, é e creativa, capaz, ten libido, interactúa cos seus iguais, escoita música, fuma, vai ao cinema e, en definitiva, vive.
Isto non significa que esta “memoria gráfica”, como a propia autora deu en denominala, sexa frívola. Majareta sitúase nesa complicadísima liña entre o entretido (incluso optimista) e o extremadamente grave. As mudanzas constantes de medicación, as súas repercusións no corpo, as perdas de memoria polo litio, a vergoña de compartir o diagnóstico, a incomprensión de parte do seu entorno... todo iso está presente no libro, como tamén o están as épocas boas, a empatía, as ganas de continuar, a creatividade renovada.

A autora rompe todos os estereotipos asociados á enfermidade mental, e tamén o propio tabú de facela explícita. O seu alter ego na novela enfróntase á tendencia bohemia de romantizar a enfermidade mais loita tamén contra a idea de que as persoas con diagnoses de enfermidades mentais son persoas “tolas”, incapaces. Todo isto no corpo dunha personaxe muller, bisexual e punki crea un cóctel de opresións ás que Ellen, a protagonista, se enfronta do xeito máis natural: con algunhas victorias, e con moitos fracasos.


Un xeito máis que notábel de achegarse a unha enfermidade mental nada coñecida e demasiado mitificada, que se le nunha tarde, non só pola súa sinxela linguaxe, senón polo atractivo da historia. Un libro recomendadísimo.

-Majareta, de Ellen Forney, está publicado en español por Ediciones La Cúpula (2014)

Comentarios