Amores, de Leonor de Recondo, ambiéntase nun 1908 que
semella, aparentemente, como todos os mil novecentos algo que xa nos
contaron. Victoire, unha muller de clase alta, está casada con
Anselme. Mentres o matrimonio tenta ter un fillo, Anselme viola
repetidamente á criada, Céleste. Si, soa como un 1908 como calquera
outro, no que a palabra amor non ten demasiada cabida.
Porén, cando Céleste queda (previsiblemente) embarazada, a novela
dálle un xiro a eses acontecementos que xa tiñamos lido unha e
outra vez en novelas do mesmo xénero. E aí, se cadra, comeza o
amor.
Leonor
de Recondo narra con mestría e desde unha óptica claramente
posicionada o mundo do machismo transversal, no que, pondo o foco
sobre as dúas personaxes femininas, aparentemente enfrontadas,
consegue transmitirnos a sororidade inefable que se produce entre
elas. Mentres Céleste, muller de clase baixa, é abusada sexualmente
e maltratada psicoloxicamente pola súa condición, Victorie é
presionada para ter un fillo a toda costa e desprezada ao non cumprir
o seu rol de muller-incubadora. O descubrimento do embarazo de
Céleste, lonxe de provocarlle envexa ou ira, convértese no
detonante dunha tenra relación de comprensión mutua, na que as dúas
mulleres se van sentindo progresivamente auténticas e libres. Pouco
a pouco, a casa vaille dando as costas a Anselme e as súas
necesidades, e tamén ás súas costas se vai forxando un namoramento
ao comezo puramente emocional e finalmente erótico.
O
libro, gañador Prix RTL-Lire e o Prix des Libraires 2015, narra o
namoramento das dúas mulleres con total naturalidade, aprendéndolles
á par a conectarse cos seus corpos, uns corpos que a sociedade da
época mantén recluídos entre corsés e saias longas. A medida que
a súa relación prospera, Céleste e Victoire fantasean mesmo con
fuxir dese mundo gobernado por homes e comezar unha vida nova nunha
París incipientemente bohemia, aínda que as cousas non se lles
poñan tan doadas.
Amores
establécese por tanto en torno aos segredos: os que o son a voces,
co beneplácito silencioso da sociedade, e os que son segredos por
obrigación, como a relación de Céleste e Victoire. Case case como
agora.
Se
ben a novela adolece dunha melancolía excesiva, que leva ao libro a
certos puntos de intensidade tamén excesiva, a delicadeza coa que
Leonor de Recondo é quen de narrar unha historia que xa debería ter
sido narrada en múltiples ocasións é cautivadora. Existía, sen
dúbida, a necesidade dun libro de comezos de século que narrase
unha relación lésbica sen fetichizala ou enrarecela. E que, de
paso, nos dese unha volta polo complicado proceso de liberación da
muller, e pola escura complicidade da sociedade contra o mesmo.
- Amores,
de Leonor de Recondo e traducido do francés por Palmira Feixas, está
publicado por Editorial Minúscula.
Amar, amar, aínda que non nos deixen por Arancha Rodríguez Fernández
Reviewed by segadoras
on
16:31:00
Rating:

Ningún comentario: