Di
Rosi Braidotti, entre outras, que o xeito de escribir dunha feminista
debe ser sempre unha suma de citas: fronte ao falogocentrismo
patriarcal, obsesionado co ego autorial, a man da escrita feminista
debe beber das distintas fontes que desembocan na opresión
compartida e criticada, das distintas mestras das que aprende, das
distintas compañeiras que a escoltan.
Iso
tento facer eu neste texto, mentando continuamente á autora, porque
ninguén mellor que ela e este libro explican a súa esencia, e iso
fixo tamén a propia autora, Judite Canha Fernandes con o
mais difícil
do capitalismo é encontrar o sítio onde pôr as bombas, publicado
por Urutau este 2017.
A
pesar de presentarnos unha voz poética propia, forte, e claramente
traballada, a Judite Fernandes fai deste clamor un berro colectivo (e
así o explicita no comezo do poemario), como non podería ser doutro
xeito. “o máis difícil do capitalismo é pólo nun verso”,
asegura a poeta, porque o capitalismo é precisamente o contrario: é
aniquilante. Pero a Judite conségueo; consegue ás veces mesmo
dentro da miseria un pedazo de beleza que nos impacta por
insospeitada. No capitalismo ás veces hai bombas inesperadas. Bombas
esperanzadoras.
“acho
que me vou deitar no chão
a ver passar as formigas.
(e
fui.)
fiquei
quieta três horas, vinte e dois minutos e nove segundos.
foi
muito revolucionário.” (p.11)
As
rebelións pequeniñas contrastan coa magnitude do universo; non hai
un detalle do metafísico que se lle escape á poeta na súa loita
por analizar, desde o minucioso, o constutivo deste sistema vírico.
Expansivo. Aínda que o capitalismo destrúe indiscriminadamente, iso
sabémolo todas, sen prestar atención ao detalle nin ao calibre,
destrúe e consume e extingue sen preguntar. Por iso se fai necesario
apañar das súas ruínas as historias todas, que son moitas, que
ficaron por baixo dos escombros. Ás veces por riba, supervivintes.
Ás veces, por baixo, mortas, pero aínda fértiles. Sementes de
vencer, que diría Moncho Reboiras.
Este
espírito xeneroso de recolecta non fai da labor da poeta algo máis
doado. Pola contra, todo o poemario está tinguido por unha violencia
infame. Unha violencia que se naturaliza ao longo de máis de noventa
páxinas de realidade agónica, pero que nunca deixa de remexernos
por dentro como lectoras, de incomodarnos activamente, a pesar
da“fame xa tan cómoda” da voz poética.
“as
novas formas de deus
incluem
a
videovigilância.” (p.45)
E
non todo é esperanza. Hai veces nas que a voz esmorece e,
fraquísima, parece claudicar. Nós sentimos, logo, como lectoras,
ese cansancio secuaz e interno. Vainos
dar a dignidade de comer?
Pero,
malia a fame, a voz poética non deixa de denunciar as complicidades
do sistema caníbal. O patriarcado, que destroza, consume mulleres,
reventa, desmoraliza, viola, mata. E Inditex, a
troika,
os programas en prime
time,
o glitter.
Denuncia e faino dese xeito tan aparentemente simple que chega á
matriz de todas as violencias, e á matriz dos nosos corpos lectores,
vítimas tamén desa violencia, porque este libro é de todo menos
ficticio.
“A
miña terra morreu de tanto lle remexeren os bolsos”, di a Judite.
E pescuda tamén nas contradiccións imposíbeis de salvar, crónicas,
certeiras, case diría necesarias. As nosas contradiccións. Para
fabricar unha bomba que mate o capitalismo hai que servirse tamén do
capitalismo. Para loitar contra o capitalismo, “continuamos a
reinventar mais a guerra que o amor”, coma el.
Porén,
de cando en vez, un sopro de ar (aínda non privatizado), unha
gargallada, un orgasmo, un afecto, moitos afectos, a bomba inesperada
e esperanzadora. Esa que, como culmina a poeta, só reposta con
empatía. Empatía. Urxentemente.
Judite
Canha Fernandes, o mais difícil do capitalismo é
encontrar o sítio onde pôr as bombas, Editora Urutau, 2017
O máis difícil do capitalismo é pólo nun verso por Arancha Rodríguez Fernández
Reviewed by segadoras
on
11:34:00
Rating:

Ningún comentario: