Teño
prexuízos, confeso. Pero tamén teño debilidades. Teño prexuízos
porque non me gusta a novela negra, nin gris, nin mulata, nin
policíaca; non me gusta a narrativa hampona, de baixos fondos, o
pseudo-beat, a negrume tipo serial, cargada de estereotipos e de
testosterona. Sobre todo, non me gusta o underground escrito desde un
pc de marca e conexión wi-fi. Pero adoro a poesía e lévanme os
ollos as autoras que experimentan, que arremangan a camisa e meten as
mans até os cóbados no perigo.
“He
olido la sangre/ he visto lo que puede hacer un cuchillo”
Dorothy
Porter (Sidney 1954-2008), que non se confunda coa amada Dorothy
Parker, por máis que a propia Porter adoite homenaxear e citar, fai
n´A máscara do mono (The monkey´s mask, traducida como La máscara
del mono para La otra orilla) unha desas arriscadas mesturas. Unha
novela en verso, un libro de poemas narrativo, unha novela río,
enxurrando unha trama policial, lésbica, negra, poética, lúbrica,
minimalista e pura. En fin, perigo dos grandes de caer no
estancamento, na choromiquería, nos lugares comúns, no
falocentrismo que adoita perfumar este tipo de produtos ou virar cara
a unha postmodernidade que pode que dentro dun par de lustros xa non
funcione. Pois non.
Se
cadra é unha maneira esperpéntica de facer unha novela policíaca
máis, xa que neste senso non aporta nada novidoso: un cadáver de
muller nova, unha listaxe de sospeitosos, unha detective expolicía,
unha manchea de tacos, copas e cigarros, un amor lésbico. Todo moi
tópico, pero en verso. Non estamos con unha novela nas mans, nin cun
libro de poemas pero todo iso está nas páxinas fluídas e cómplices
de La máscara del mono. E a vítima que escribe e nos ofrece poemas
dentro dos poemas, e os sospeitosos van debullando o mundiño
literario australiano desde dentro (era esa a excusa, o crime, para
facer unha sátira sobre o esnobismo do mundo da escrita na Australia
de finais dos noventa?).
“
¿Esto es trabajo? ¿O es
venganza?/ Esta semana hay vacaciones/ y el lugar está en calma./ Sé
que ella no está./ Arden mis dedos en deseos/ de allanar. “
O
exercicio é impecable: poemas lixeiros (en apariencia), rápidos,
intelixentes, pulcros, para recrear desde outro punto de vista unha
trama tópica pero que nos vai arredando do aborrecemento de ler algo
máis do de sempre para ser algo absolutamente orixinal e sen trazas
de ninguén: Dorothy Porter é Dorothy Porter e pode homenaxearse a
ela mesma dentro dos seus propios poemas. Lede.
.
Dorothy
Porter, La
máscara del mono,
ed. La otra orilla, 2011
Tradución
de Enrique de Hériz
As máscaras do verso por Emma Pedreira
Reviewed by segadoras
on
09:50:00
Rating:

Ningún comentario: