Xa escribiu Judith Butler hai ben tempo e bastante mellor do que podo explicar eu aquí que o xénero é performativo. Son condutas, actitudes e ideas que conforman os nosos hábitos, interiorizados, asimilados como naturais, constantemente repetidos, até que constrúen esa realidade que chamamos xénero. Este espectáculo é un divertimento onde o conto parece real e o real parece conto, que espella a propia farsa social en que vivimos, esa cíclica reproducción de roles, e onde a forza de dúas mulleres que se aman e teñen sexo (IMPORTANTE: non son “amiguiñas”, teñen sexo, moito e moi bo) racha co patrón. Tres actrices-performers-executantes-como as queiran chamar, porque o seu traballo vai moito máis alá do que entendemos por interpretación, encarnan a Elisa (as tres) e a Marcela (tamén as tres), e mesmo ás xentes e ás cousas (“puritos”, pergaminos riscados, dilixencias, rúas da Coruña, veciños de Vimianzo) que foron determinantes na súa historia. Porque isto, ante todo, é unha historia de amor… E de aventuras.
Arrinca co século
XX, cun acto que xa é performativo e metateatral en si mesmo: a
cerimonia do casamento polo rito católico.San Xurxo (A Coruña),
1901. Na función que esta espectadora tivo a fortuna de ver, cun
Salón Teatro cheo até arriba, tiveron o acerto de rachar a cuarta
parede por un momento para homenaxear ás mulleres que, despois
destas pioneiras en 1901, casaron (polo civil, que os tempos
cambiaron pero non tanto como pensamos) en Compostela, case un século
despois, Guillermina e Estela. Repetimos: só tres mulleres en
escena, e un bastidor sostendo unha tea como única, precaria e
incriblemente polisémica e versátil, á vez, escenografía. Non fai
falta máis, para contar unha historia de dúas mulleres que se aman.
Elas tres, Ailén Kendelman, Noelia Castro e Areta Bolado, poñen os
seus corpos e as súas portentosas voces (os números musicais son
impresionantes), as súas presenzas escénicas nun escenario
prácticamente un e capaz de contelo todo. Coma nun xogo, recrean
para nós a cidade da Coruña de comezos do século XX, Dumbría,
Vimianzo, e mesmo viaxes transatlánticas.
Hai lugar para o
humor, irreverente e cómplice, para o amor, para o sexo apaixonado,
para o fado, para a ranchera, para os cánticos de Igrexa, mesmo
conseguindo a participación dun público que no momento de redactar
esta crítica non dá sacado da cabeza “Vén, vén, vén…”Para
as viaxes, para as parodias cinematográficas e musicais, para as
fuxidas, para os pesadelos, e tamén para a violencia patriarcal: é
terrible, sen ser explícita, a escena en que un grupo de homes acosa
ás mulleres e bromea coa incógnita sobre o seu sexo. E fana tan só
cos seus tres corpos e as súas tres voces en diferentes planos do
espazo, interpretando vítimas asediadas e masa misóxina, “manada”.
Para a lembranza das que abriron camino: Gloria Fuertes, Chavela
Vargas, Angela Davis, Elisa e Marcela. Para a exhaustiva
documentación e preparación dun espectáculo “baseado en feitos
reais” que, con todo o paródico e clownesco que pode parecer, non
deixa de transmitir un enorme respecto polas mulleres libres que
retrata. O texto, onde contaron con Esther F. Carrodeguas e Gena
Baamonde, que tamén dirixe, súmase ao enorme talento vocal e
interpretativo destas tres artesás para facer levedar un espectáculo
que consegue unha catarse, de puro brechtiano. Sendo unha historia
real, é do máis fantasioso e trepidante que podemos ver nun
escenario. Facéndonos chorar da risa, chega tamén directa á boca
do estómago para nos revolver. Despois de Pan, pan! e
Panamericana, conságranse con esta Elisa e Marcela. Así se
presentan: “Amasamos un teatro de creación propia e, por iso,
chamámonos A panadaría, porque o noso é un oficio de tradición,
de esforzo e constancia, de relación da persoa cos elementos máis
básicos, co que viu antes e co que está por chegar. Porque en todo
o mundo a humanidade fai pan e fai teatro, chamámonos A panadaría,
para alimentar corpo e alma. A avoa de Noelia, Lola, dixo de nós:
“sodes unha pandilla esplendorosa”. Son.
Elisa e Marcela
A Panadaría Teatro, 2017
Creación e interpretación: Areta Bolado, Noelia Castro, Ailén Kendelman
Dirección: Gena Baamonde
Texto: Esther F. Carrodeguas, Gena Baamonde, A Panadaría
Música: Ailén Kendelman
Vestiario e Caracterización: Fany Bello
Iluminación: Montserrat Piñeiro, Laura Iturralde
A Panadaría Teatro, 2017
Creación e interpretación: Areta Bolado, Noelia Castro, Ailén Kendelman
Dirección: Gena Baamonde
Texto: Esther F. Carrodeguas, Gena Baamonde, A Panadaría
Música: Ailén Kendelman
Vestiario e Caracterización: Fany Bello
Iluminación: Montserrat Piñeiro, Laura Iturralde
O teatro como xogo, o xénero como xogo por Lara Rozados
Reviewed by segadoras
on
12:07:00
Rating:

Ningún comentario: