Fotografía Paula Gómez del Valle
En tempos convulsos
onde cómpre unha maior profundidade e crítica nas nosas reflexións
sobre o estado, a represión e o poder, unha bota os ollos aos libros
na procura de espazos que dean sentido ao que non o ten. En tempos
nos que a identidade hexemónica utiliza todo o seu poder e
violencia, simbólica e física, para reprimir as voces diversas,
certos textos cobran unha relevancia fundamental. En tempos nos que a
chamada “esquerda” estatal formula eivadas propostas e segue
negando puntos mortos, a literatura convértese nun espazo no que
procurar diálogos e respostas. É neste marco que quero encadrar a
miña lectura da obra Korrespondentziak/Correspondencias, que recolle
unha interesante iniciativa de cartas cruzadas, neste caso entre
Eider Rodriguez e Belén Gopegui. Un intercambio bilingüe, mesmo se
a única que pode entender o libro completo, intúo, é Rodriguez.
O libro comeza cun
prólogo de Amos Oz que pretende enfrontarse ao tema “literatura e
conflitos”, o eixo que supostamente debe vertebrar a iniciativa de
diálogo entre “16 escritores” (ignorábamos que Gopegui e
Rodriguez fosen homes). O texto de Oz é un texto patriarcal clásico
no seu encadre dos “conflitos”, nas súas referencias a persoas
abstractas e linguaxes sobre as cales o escritor (masculino
intencional) ten un poder e unha responsabilidade permanente. A súa
procura de desfacer os límites entre “bos” e “malos” soa
demasiado a unha liña intermedia como a que nos indican as frases
“non son machista nin feminista”, “o referendo era ilegal” e
outras semellantes nas que hexemonía se disfraza, como ben sabe
facer, de “neutralidade”. As expectativas de desfacer esta visión
masculina son altas cando unha comeza a ler o intercambio epistolar
de Gopegui e Rodriguez, dúas autoras ás que ter sen dúbida en gran
estima.
Mais a estima tamén
coñece as fronteiras políticas, como demostra o intercambio entre
as dúas autoras. Mentres que os textos de Eider Rodriguez entran na
dor coas mans cheas e relatan o político dende o persoal, narrando a
represión do día a día en Euskadi dun xeito próximo, aberto e
conmovedor, a reacción da parte hexemónica da ecuación fica moi
lonxe de estar á altura. A falla de empatía de Gopegui
transparéntase en cada texto, o seu intento permanente, como bo
suxeito hexemónico, de levar o particular e doloroso de Rodriguez ao
campo do xeral e da súa experiencia “totalizadora” fai que sexa
patente a súa incomodidade co que Rodriguez representa e narra.
Un dos momentos máis
duros deste intercambio epistolar para quen le dende unha conciencia
política moi próxima á de Rodriguez é cando esta narra a
recepción dunha carta de Z, que está na cadea, e a raíz dela
reflexiona sobre en mans de quen está a violencia, da violencia
contra as linguas, os problemas de establecer o que ela denomina o
“Relato”. Eider Rodriguez escribe dende un contexto de perda e
Gopegui contesta dende un contexto de acomodo nun relato particular.
Subsume a experiencia da cadea política en “El fragmento de Z. no
habla, entiendo, de distintas verdades o mentiras sino de lo
borroso”, nunha afirmación que semella darnos a entender que
“todas as violencias son iguais”, obviando que uns teñen as
ferramentas opresoras do estado na man e outras non. Para máis inri,
Gopegui reafirma a súa visión de superioridade, de xeral fronte ao
particular, cando afirma “Me hablas de la guerra por el Relato en
tu país que está en el nuestro o quizá no, imagino que d e eso
también tratará el Relato”.
Mentres que
Rodriguez fala da estigmatización do euskera de forma convincente e
conmovedora, Gopegui retrousa admitindo a súa falla de empatía cun
movemento “independentista que, al incluir a la burguesía vasca,
se abocaba el reconocimiento de una legalidad institucional para la
explotación capitalista”. Moita revolución para unhas cousas e
tan pouca para outras.
O
comportamento de Gopegui neste texto é moi sintomático dos tempos
que nos toca vivir. Por unha banda, a sorpresa de certos movementos
de esquerdas españois ao “descubrir” a brutalidade da represión
estatal e ao tempo a súa imposibilidade de saír de discursos
manidos e enfrontarse ao quid das cuestións, a ideas de xustiza
social que son inclusivas do xénero, das linguas, das nacionalidades
e que poñen en dúbida de xeito fundamental o concepto do estado dun
xeito vital e práctico, lonxe de retóricas. O libro manifesta
perfectamente a incomunicación e falla de vontade desta por parte
dos suxeitos hexemónicos, máis contraditoria naqueles que non
queren recoñecer a súa hexemonía por contar con certas
características de alteridade dentro da hexemonía xeral. É este un
libro un tanto desalentador en canto á posibilidade dun diálogo
cando unha parte non escoita, no que a única faísca de esperanza
son as inmensas palabras de Eider Rodriguez cando di: “Lo único
que se me ocurre es seguir escribiéndome para que no me escriban,
seguir escribiéndonos para no ser escritas”.
Belén Gopegui e Eider Rodríguez, Korrespondentziak/Correspondencias, Erein Editorial, 2016
Non estar á altura por María Reimóndez
Reviewed by segadoras
on
21:43:00
Rating:

Ningún comentario: