Ser quen es e deixar ser. Sen medo a
nada.
Agradécense moito os aires frescos que
por fin están entrando nas lecturas para ás crianzas e Yo
voy conmigo de Raquel Díaz Reguera é un deses refachos moi
necesarios nestes días nos que a banalización do acto de ler
literatura infantil é preocupante.
Díaz Reguera aposta pola
rebeldía cunha mensaxe directa: Reivindicarse a unha mesma, gustarse
e empoderarse. Quen son e que quero ser. Algo que podería parecer un
xesto sinxelo convértese nun petar na mesa do establecido polas
mensaxes que dominaban ate ó de agora nestas lecturas.
Reguera fai pensar e invita a
posicionarse no lado da resistencia cun exercicio no que debulla a
evolución propia e individual (ao contrario que en Orellas de
bolboreta que é guiada por unha adulta) do “debería ser” ata o “eu son”.
Nun baile de palabras e imaxes que
restan e suman detalles, describe a toma de conciencia dunha nena que
se mira a sí mesma desde a inocencia de quen nunca tivo que
cuestionarse quen é. Pero a súa historia vital dá unha viraxe e, no
que podería ser o descubrimento dunha bonita nova aventura, xorde
unha adaptación a un medio hostil sempre máis preocupado polas
normas sociais tóxicas que en aceptar ás persoas tal e como son.
Xunto coa combianción de cores frías
e cálidas dunhas ilustracións deliciosas (realizadas pola propia
autora) que representan esta ascensión, a nosa protagonista vai
deixándose levar polos consellos de quen a desposúe da súa
personalidade a cambio de alcanzar o que tanto quere. E aquí, vós
que me ledes, xusto no preciso momento no que consigue o tan ansiado
xesto, a historia dá un brinco e abre nova cordada: A nosa
protagonista cae na conta de que xa non se “ve”, de que quedou
diluída entre tanto "Debería Ser". Porén á reflexión sobre a súa
desaparición xorde a pregunta que o cambia todo: “Quen son? E, aberta a nova vía, abroian máis
preguntas: Ónde deixei todo o que eu era? ; Para qué?; Paga a
pena?
A nosa nena sen nome (para que todas
se poda identificar con ela) vai contestándose a sí mesma cos
detalles que a fan ser, lembrándolle quen era. Isto fai que vexamos a súa
mirada máis madura e repleta de seguridade: “Ahora sé que yo
voy conmigo y me miro y me veo”
As escritoras como Raquel apostan por
aguilloar o pensamento crítico no cerebro infantil. Dotan, así, dun novo
espazo de acción e valentía onde lle lembra ás crianzas algo que
a nós se nos dicía de pequenas e que, como adultas nunha sociedade constritiva, imos esquencendo co tempo: “non hai que cambiar para
lle gustar a alguén, xa lle gustarás a quen te queira tal e como
es”.
Raquel Díaz Reguera: Yo voy conmigo
Thule Ediciones, 2015
Ser quen es e deixar ser por Paula Gómez del Valle
Reviewed by segadoras
on
10:23:00
Rating:

Ningún comentario: