2012.
" Os empresarios galegos volven ser vítimas dun atentado
terrorista. A fábrica de Mobles Silva, propiedade do coñecido
empresario compostelán Amador Silva, foi atacada de madrugada con
dous cócteles molotov" (p. 9). Así comeza Os últimos
índios de P. Janeiro, cunha información de axencias na que se
dá conta do final da novela. E non pensedes que fago spoiler, non. É
a propia autora quen o fai. Cunha estrutura circular perfecta o libro
empeza no punto exacto no que comezou... ou non... Realmente o
principio e o final son pechados? É relevante o incendio da fábrica
de mobles ou quizais estamos perdendo nos titulares a miga da
cuestión? Pois si! P. Janeiro debulla, nesta nota de axencias, toda
a información que poderíamos encontrar en calquera xornal, no noso
día a día, e que asumimos como verdades universais. Temos o feito
cualificado como un atentado terrorista, as iniciais do presunto
pirómano, a intervención da policía, o apoio dos partidos
políticos ao empresariado galego ou a investigación da relación do
autor con grupos anarquistas ou independentistas. E a autora
obríganos a repensar o que lemos, a nova. Retrocede aos días
anteriores na vida do presunto pirómano para preguntar(-nos) os
porqués. Por que alguén toma a decisión de incendiar unha empresa?
Son certas as etiquetas que lle axuntan no diario? Por que o alcalde
e os políticos o cualifican de atentado terrorista? Por que falan de
ataques nos centros de crecemento económico do país? Por que alguén
querería atacar postos de emprego? Por que só deteñen a unha
persoa? Todas estas preguntas quedan pendentes nesa primeira nota de
axencias e iranse desvendando mentres lemos o cotián do
protagonista, Pedro. Ou non... porque o primeiro capítulo quen nos
conta a súa vida é Maxina, a filla de Manolo, o ex-compañeiro de
traballo de Pedro. Entón a que vén toda esta lea do si ou do non?
Pois a que a autora xa nos avisa desde as primeiras páxinas que
debemos prestar atención porque nos quere dentro dunha lectura
activa. Vainos presentar a imaxe xeral dun quebracabezas que hai que
petelar unha a unha e, como tal quebracabezas, unha peza non vai
funcionar sen o elo coa anterior. E todas, ata a máis diminuta,
teñen a súa importancia. E, aquí, neste punto, é onde se encontra
o grande logro desta novela.
Na
maioría de relatos nos que hai un misterio por resolver costumamos
ler un prota que pasa determinadas penurias e consegue resolver. En
Os últimos índios, non. Estamos ante unha historia coral na
que cada persoa ten voz propia e unha situación persoal que converte
nos últimos índios a Maxina, Marcial, Manolo e Pedro. Aquí
encontramos as diversas personaxes protagonistas nun contexto que as
vai definir por completo (psicolóxica, físicamente, etc), que as
diferencia, unha das outras, ou que aporta os motivos e razóns para
comportarse dunha maneira ou outra ( ou que as outras personaxes se
comporten así con elas). E as personaxes que rodean as protagonistas
non son simples adobíos narrativos. Cumpren unha función. Unha
función decisiva. A primeira lembranza que ten Pedro na cela (antes
do primeiro capítulo) son as palabras da súa nai, Maxina non
regresaría a Compostela sen a chamada da nai, Marcial non podería
manterse económicamente se non fose polo traballo da súa muller,
etc Si, as personaxes secundarias, as esquecidas nas narrativas toman
aquí un papel protagonista desde as posicións subalternas da
sociedade. Sen elas non sería posible o desenvolvemento dos
acontecementos. E, como dicía no comezo, ata as máis pequenas son
fundamentais. Neste caso, a filla de Marcial. Unha nena de dous anos
que non dí unha soa palabra en toda a novela, pero que ten nome:
Paula. É ela quen marca os tempos das reunións que as personaxes
teñen para debater como realizar o ataque, é ela quen obriga a
incorporar un sistema de retención infantil no vehículo co que
vixían a fábrica de mobles, é ela quen, sen dicir palabra, define
a estratexia do asalto, é ela quen, sen nin sequera un son, vai
cambiar a vida do matrimonio de Marcial, e, aínda máis importante,
é ela quen nos vai indicar os trazos psicolóxicos ou describir os
comportamentos das persoas. E cando non está ata a narradora
omnisciente o fai notar: " Sorprendeulle que Marcial non levase
a nena consigo, era unha imaxe case habitual, a cativa durmindo no
colo protector do seu pai delincuente mentres eles tres conspiraban,
era un pouco como un amuleto" (p.77)
Os
últimos índios de Patricia Janeiro retrata unha realidade
social que os grandes medios de comunicación tentan ocultar: o abuso
dos empresarios nos momentos de crise. Esta situación laboral
conduce as personaxes protagonistas a unha situación extrema na que
optan pola violencia, pero, como xa vimos, o feito en si non é o
sobranceiro deste texto, non. O singular é o xuntar das pezas que
nós como lectoras fagamos. A nosa lectura activa. Ese exercício tan
agradecido que non procura unha recepción pacífica e si revoltarnos
contra as inxustizas desde a primeira liña. Ese movemento ao
pensamento crítico polo que nos guía a Nosa Señora das Letras
cunha mestría e intriga que non decae ata a última páxina. A pesar
de coñecer o final na primeira.
[ Os
últimos índios, Patricia Janeiro, Concello de Santiago, 2017]
Os últimos índios por Eli Ríos
Reviewed by segadoras
on
13:28:00
Rating:

Ningún comentario: