Eu non sei cal é o meu
cuarto. Se cadra por iso me custou tanto escribir este texto.
O meu cuarto foron moitos
cuartos, e agora é un cuarto, e non sei cando será outro.
De pequecha, o meu cuarto
estaba en Ourense, nun piso que agora habitan outros, uns outros que
non coñezo, que farán o cuarto seu. O meu cuarto pasou por Madrid,
por Porto, por Belfast. Paseou por Arxentina, por Balears, por
Andalucía. Agora vive en Compostela. Pero non é o meu cuarto.
O meu cuarto sempre é
caos. Supoño que coma min. Hai roupa no chan, roupa nos armarios,
roupa enriba dos armarios e debaixo dos armarios. Servilletas con
apuntes. Billetes de tren. Como se quixeran recordarme algo.
O meu cuarto é entropía.
Na cama si, na cama son
eu. Escribo ás veces. Enriba dela, sempre enriba dela, como se
houbese algo no chan. No chan hai roupa. Supoño que tamén hai medo,
estrés, fatiga, dicir adeus, chorar, chorar soa, ir correndo, non
almorzar, volver correndo, laca de unllas de hai moitas semanas.
Talvez por iso sempre escribo enriba da cama, e por iso sempre levo o
edredón a todos os cuartos que non son os meus cuartos. O edredón
laranxa e o edredón verde, a todos os cuartos.
O meu cuarto ten ás
veces as sabas suxas, as sabas limpas; a xanela aberta, a xanela
pechada; botellas de auga baleiras, ou cheas; cinco libros enriba da
mesiña e ás veces menos; a roupa do día seguinte pendurada da
cadeira, e outras veces nada, e outras veces música.
Ás veces no meu cuarto
estou eu soa; outras veces compártoo.
Pero o meu cuarto nunca é
o meu cuarto.
Talvez só a cama. Ás
veces miña.
E supoño que seguirei a
busca até atopar o cuarto. O que fique. O non precario. O de bailar
sen molestar a naide. O de durmir. O de durmir máis. O de
tocar o chan. O de escribir moito. O de escribir fóra da cama. O de
mirar o mar. Ou mil mares. Non o sei.
Cando sexa, sabereino.
O cuarto de Arancha Nogueira
Reviewed by segadoras
on
06:22:00
Rating:

Ningún comentario: