Fotografía Paula Gómez del Valle
Caixa
de mistos, de Patricia
A. Janeiro, cóntanos a historia de Ulises Grosz, un escritor un
tanto perfeccionista, maniático e frustrado que descobre que só
alterando a súa tan medida rutina vai poder, por fin, sumerxirse
nunha escrita continua, sen pausa, coa que acadar o recoñecemento
que tanto tempo leva esperando. Janeiro somérxenos, pois, neste
proceso de escrita ininterrumpida ao que asiste Grosz por causa tanto
de feitos que se están a dar nese momento en Galicia, como por
diferentes persoas que cruza pola rúa nos seus matutinos paseos e
que tanto semellan inspiralo. É así que comeza un xogo de cámaras
ao redor dunha noite de San Xoán en Santiago de Compostela, un dato
que, de seu, outorga misterio e acción a esta novela. Entre
cacharelas e alcohol, por tanto, moitos son os sucesos que
acontecerán.
Nesta
liña un tanto cinematográfica que veño de indicar, todas e cada
unha das personaxes que aparecen nesta historia crúzanse, ben por
azar, ben por se coñeceren previamente, e fan que nos sintamos como
viandantes silenciosas, curiosas e expectantes con cada persoa que
chocamos e pola que estaremos dispostas a deixar o que estabamos a
facer con tal de saber cada vez máis. Janeiro sóltanos nas rúas de
Compostela e, asegúrovolo, ficaremos enganchadas a todas as
historias coas que imos topar.
Con
Abel e Dimas, por exemplo, descubrimos unha rede mafiosa galega
dedicada ao roubo dunha parte do patrimonio histórico e cultural
galego, os cruceiros, e márcasenos un ton de novela negra conseguido
á perfección. Así, meténdonos polas calellas polas que nos levan
estas dúas personaxes daremos con Dios, o xefe para o que traballan
por encargo, e viviremos momentos de escuridade, intriga, medo e
indecisión por parte dun Abel, un mozo estudante de historia da
arte, que non sabemos moi ben como puido terminar nese mundo.
Continuando
polas rúas de Compostela topamos con Rosalinda, que vivirá nesta
noite un lío amoroso con Abel, e con ela metémonos timidamente no
movemento asambleario estudantil. Coñecemos unha rapaza que se
esforza en vivir como ela quere, sen depender de ninguén e que se
sente un pouco perseguida polas personaxes masculinas que cruza e que
non entenden que é unha muller dona de si mesma e libre de decidir
con quen deitarse e con quen non.
As
vereas da cidade universitaria por excelencia tíñannos que levar,
case que por obriga neste ambiente estudantil compostelán, a un
deses típicos bares en que se reúnen os amigos. É así que
encontramos o bar onde traballa Txema, familia política de
Rosalinda, e no que Roi, Iria e outras amigas e amigos se reúnen
para xogaren e beberen. Historias de amor de mocidade, inseguridades,
saídas de ton... nunha noite de San Xoán en que os excesos por
causa do alcohol foron moitos e que levarán a unhas e outros a tomar
decisións cuxo final apenas poderedes coñecer no proceso de
lectura.
En
definitiva, Caixa de
mistos é unha novela
de intriga, que engancha e que lemos dun tirón coa ansia de saber
que é o que pasa con cada unha das súas personaxes. Unha lectura,
ademais, das que xa non quedan, nun formato case tan alongado como o
cruceiro que acompaña a capa. Unha historia sen finais felices, real
e crúa para regalar a quen di que non hai apenas novela negra en
lingua galega escrita por mulleres.
[Patricia Janeiro, Caixa de mistos, Sotelo Blanco, 2003]
Caixa de mistos por Ánxela Lema
Reviewed by segadoras
on
18:10:00
Rating:

Ningún comentario: