Corpos
exorbitantes. Rosalía de Castro, tradutora feminista, en diálogo
con Erín Moure de María
Reimóndez foi o texto gañador do I Premio
Xohana Torres de ensaio
e creación audiovisual. Na lapela deste volume ofrécese un pequeno
percurso pola historia deste premio. É moi de agradecer esta recolla
dos esforzos colectivos para recoller os traballos de quen contribuíu
ao coñecemento sobre as mulleres que destacaron, desde diversas
disciplinas, na vida da nosa comunidade e na recuperación da
historia social e política das mulleres. E nesa mesma liña de
continuum é por onde
transita este ensaio de M. Reimóndez.
Recoñezo
que Corpos exorbitantes
foi unha descuberta sorprendente. Para unha persoa, coma min, con
coñecementos limitados da tradución, achegarse a un ensaio sobre
esta temática resulta complexo, pero, a autora, consciente do
aspecto divulgativo comeza cunha introdución e unha parte teórica
nas que ofrece as ferramentas necesarias para comprender a parte
central do estudo. Desta forma, coa análise das prácticas
tradutoras de Rosalía de Castro e Erín Moure, resulta moi fácil
chegar a "intentar entrever unha análise política e ideolóxica
máis global e comprendelas como voces relevantes nos debates sobre
tradución feminista actuais"(p. 15)
" Porque moito antes de que ninguén falase da falacia do
orixinal ou do poder do autor sobre a tradutora, xa Rosalía de
Castro superaba estas barreiras sen deixarse amedrentar polas
consecuencias da súa transgresión. A súa práctica dialoga de
forma clara con prácticas moi posteriores como foron as reescritas
coloniais ou do patriarcado. Prácticas estas moi frecuentes en
diversas partes do mundo, pero moi posteriores"(p. 46)
Redescubrir
a actualidade das escollas textuais de Rosalía de Castro e poder
compartir ese diálogo do continuum
con Erín Moure, achegarse á práctrica tradutiva rosaliana nas
citas de María Rábade Villar, entre moitas outras, ou deixarse
sorprender polos desafíos ás convencións para "manifestar
desacordos de colonialidade e xénero"(p.51). Estas só son
unhas pequenas pingas do que Reimóndez pon riba do tapete e nos
convida a reflexionar sobre iso. E a reflexión sobre o
autocoñecemento e a auto definición, que as tradutoras obxecto de
análise, demostran nos seus textos vainos guiar por un camiño no
que é necesario ampliar as perspectivas ante o "contacto
problemático entre culturas, linguas e lugares cando son as mulleres
as que o narran dende unha visión crítica"(p.61). Fundamental
e necesario porque " o traballo como tradutoras de Rosalía de
Castro e Erín Moure pon de manifesto o potencial da tradución
feminista e poscolonial para reafirmar as voces das mulleres e, sobre
todo, para inscribir novos discursos no imaxinario" (p.61) e,
así, "exceder os límites do patriarcado, desdebuxalos e
finalmente abolilos."(p.62)
[ María Reimóndez, Corpos exorbitantes. Rosalía de Castro, tradutora feminista, en diálogo con Erín Moure, Servizo de Publicacións e Intercambio Científico da USC ,2017]
[ María Reimóndez, Corpos exorbitantes. Rosalía de Castro, tradutora feminista, en diálogo con Erín Moure, Servizo de Publicacións e Intercambio Científico da USC ,2017]
Corpos exorbitantes por Eli Ríos
Reviewed by segadoras
on
13:25:00
Rating:

Ningún comentario: