Fotografía Paula Gómez del Valle
Para
as persoas ás que nos gusta ler filosofía e pensamento, en
particular feminista, non deixa de ser unha boa nova que Axóuxere
ofreza un ensaio escrito por unha autora e ademais centrado no tema
do xénero como categoría. Para quen coñeza de entrega previas a
escrita de Rebeca Baceiredo saberá de antemán que en ningún caso
imos atopar un enfoque lixeiro ou superficial.
O
obxectivo deste volume, como o describe a autora, é “xustificar a
relación entre a disposición de xénero e os réximes de
propiedade” e para iso anuncia na introdución que utilizará tanto
a revisión histórica, non só occidental, coma o enfoque
metafísico. Resulta este, ao meu ver, un obxectivo ben ambicioso e
que presenta para min como lectora e teórica certas dificultades que
tentarei debullar a seguir.
Seguramente
o atranco máis importante á hora de conseguir o obxectivo proposto,
en particular para persoas que, coma min, partimos dunha visión
feminista decolonial da teoría e a práctica, reside na dificultade
que o libro de Baceiredo amosa á hora de superar unha visión
eurocéntrica que vai máis alá de botar unha ollada de esguello
cara a certos lugares. O eurocentrismo da escrita filosófica
occidental, en absoluto exclusivo deste texto, ponse de manifesto
primeiramente nunha cuestión básica de fondo: no suxeito que
pretende narrar e historizar dando explicacións “totais”. O
problema non reside tanto na complexidade de tentar coñecer a
experiencia humana na súa totalidade, senón na clausura,
para utilizar a terminoloxía da autora, que estes propios intentos
marcan. Son as clausuras das que fala Gayatri C. Spivak en “Pode
falar a subalterna?”, o disfraz invisible dun suxeito pensante que
só dende o eurocentrismo pode nin sequera formular tal tarefa.
No
texto de Baceiredo, este suxeito eurocéntrico de afán omnisciente
materialízase no contraste constante que se dá entre a localización
exacta das situacións das mulleres occidentais no tempo e no espazo
e a abstracta e anecdótica das súas outras. Así, mentres que as
mulleres occidentais están situadas dende a Grecia e Roma clásicas
en diferentes períodos e se narran a si mesmas ata certo punto, as
súas outras aparecen como inmutables e as referencias a tribos e
pobos de diferentes continentes faise sen atender a ningún criterio
temporal e moito menos de autorrepresentación. Elas son narradas
como exemplos para os diferentes réximes económicos e de xénero
que dende occidente interesa recapitular, como puntos de
contraposición e vistos polos ollos de antropólogos (masculino non
accidental) en calquera época histórica. Endexamais a análise
parte das epistemoloxías propias e moito menos se fala en certa
profundidade da ruptura que a colonización supuxo para a poboación
mundial como o factor de disrupción económica, social e cultural
máis complexo dende o que relatar calquera discurso filosófico e
político.
Se
cadra, o que todo isto nos ensina, é que o suxeito filosófico
occidental, tamén o feminista, segue tendo como tarefa pendente (e
urxente) reformularse dende o punto de vista da colonialidade; unha
tarefa pendente da que dependen todas as cousas, da ecoloxía á
economía. Por iso, no que resta de recensión me centrarei en ler o
texto de Baceiredo como un relato exclusivamente occidental, marcado
pola hexemonía da metrópole mais que tamén ten abondas cousas que
contribuír para o entendemento de occidente (que non do mundo na súa
totalidade).
Dende
este punto de vista, a materialización da escrita de Baceiredo neste
volume fainos sentir a pulsión dunha enxurrada que transforma
Oiko-nomía
de xénero
nun libro máis de intuición que de acto. Resístese, e este é un
aspecto interesante, a unha lectura de experiencia fluída, esixe ás
lectoras un esforzo. A intuición non deixa de ser unha posición
ontolóxica interesante ante un libro coma este. Porque no medio da
enxurrada podemos albiscar e preservar momentos de grande interese
para o entendemento do xénero en occidente, algunhas leccións de
precioso valor que xustifican a publicación e lectura do volume con
creces. Primeiro, a relectura de certos períodos históricos en
claves que non son as habituais (léase, as patriarcais). A
combinación do xénero coa lectura económica axuda a reformular as
narrativas contadas polo patriarcado, que impiden ver os luscos
fuscos e sobre todo a posición que as mulleres ocuparon en diversos
momentos históricos non como algo “natural”, nin sequera
“cultural” senón puramente “económico”. A explicación que
Baceiredo fai da mutación de certas liberdades ou restricións para
as mulleres en diferentes momentos da historia axuda a entender ata
que punto os intereses económicos marcan, dende a Grecia clásica
ata a actualidade, os réximes aceptables de xénero.
Igualmente,
a enxurrada de modos, datos e exemplos axuda a entender que os
réximes de xénero non foron se cadra tan homoxéneos como se nos
quixo facer pensar. De especial interese creo que é a parte do libro
na que se fala do amor romántico e o capitalismo, porque nos axuda a
ver esa revisión da historia patriarcal contada (e fragmentos da
historia feminista) dende outra óptica. Axúdanos a entender a
necesidade que o capitalismo ten do xénero como categoría porque,
sen ela, vender resulta un exercicio moito máis complicado, igual
que se dificulta a estratificación da sociedade en funcións útiles
para a acumulación de capital.
Así,
entre as clausuras e a enxurrada, o libro de Baceiredo interróganos
sobre as fisuras. As fisuras coloniais das que xa falei e tamén as
fisuras dos relatos adquiridos porque estes, como tamén nos dá a
ver este volume, tenden a ser máis complexos do que a primeira vista
puidese parecer. Son estas fisuras que chaman por unha certa afouteza
e por maior polifonía, pero para que esta exista polo menos unha
voz, neste caso a de Baceiredo, ten que comezar a cantar.
Baceiredo, Rebeca, Oiko-nomía de xénero: relato das clausuras, Axóuxere Editora, 2016
Baceiredo, Rebeca, Oiko-nomía de xénero: relato das clausuras, Axóuxere Editora, 2016
Clausuras, enxurradas, fisuras por María Reimóndez
Reviewed by segadoras
on
09:00:00
Rating:

Ningún comentario: