Cal é a medida exacta do
amor? Pésase? Mídese? cabe nalgún tipo de recipiente ou ben
podemos esticalo para aplicarlle un sistema métrico ou de cálculo
de volume e forma, decimal ou medir na parede cun trazo de lapis até
onde medrou? Quen se encarga de medir o seu crecemento ou a súa
mingua?
Atrevémonos a dicir que
isto todo faino a palabra. E, indo máis alá, a escrita. Daquela,
cando premiamos e festexamos a palabra, en días como hoxe, tomamos a
medida xusta e remarcamos cos nosos lapis a sillueta exacta das
contornas do amor.
A palabra escrita dá
conta do que alguén viviu dentro e fóra do seu corpo. Iso é un
libro, os restos deixados desa vida real ou prestada, as pegadas
postas á vista de todxs para xogar desde a complicidade e o
silencio. E, no amor, igual que na conversa, o silencio é
enormemente importante xa que en exceso é lousa; paraliza, fai moega
dos ósos que soterra e elimina toda luz e movemento. É mordaza.
Máis aínda é tumba.

MARÍA VICTORIA MORENO,
con créditos abondos para ser festexada en vida, como foi, e
postumamente como tamén foi e como será agora mesmo, durante todo
este seu ano de propio dereito, achegou ás nosas letras a súa
curiosidade docente, as personaxes principais femininas, a
alternativa á hora de contar, a intelixencia emocional, a estimación
das crianzas, a a voz propia e digna dos animais por riba simple
mascotismo, a forza no discurso, o amor como medida e a lingua como
forma. Esa coa que agora, desde A SEGA, queremos collernos todas o
talle para facer un vestido de palabras coas que saír a celebrar.
Con ela, por ela e polas que faltan e han de vir por baixo das lousas
baixo toneladas de silencio.
BENVIDA Á LUZ DE VOLTA,
NOSA SEÑORA, AGARDABÁMOSTE!
Comentarios
Publicar un comentario