Estes días
estamos asistindo a un curioso proceso que por desgraza é tan
repetitivo como o paxaro que come o millo cando se sementa. O proceso
consiste no apoio masivo a unha campaña que reclama máis mulleres
nas letras galegas e que acaba de ser acollido con entusiasmo por
institucións, medios e cidadanía. Esta campaña non é posible sen
o traballo previo das feministas que empezaron coa Festa da Palabra
Silenciada, María Xosé Queizán á cabeza, hai xa décadas, que
seguiron con diferentes reivindicacións como O Xogo das Cadeiras
para que houbese máis mulleres na Real Academia e que chegan ao Día
das Galegas nas Letras. Mais, curiosamente, a campaña iniciada non
menciona nin recoñece este traballo feito, simplemente capitaliza do
sementado e sachado.
Ante esta
situación, non podemos evitar erguernos coma as espantallos que
indican co seu dedo de pau o feito reiterativo de como unha idea é
recoñecida cando a expresan homes ou colectivos que non se inscriben
no traballo e discurso dos feminismos de forma explícita. Sentimos a
obriga da espantallo de sermos incómodas, de lembrar quen plantou,
quen sementou, quen sachou, quen estrumou. Porque desvincular as
reivindicacións e logros da súa historia é o que fomenta a
desvinculación cos feminismos e, polo tanto, a súa estigmatización
permanente, con todo o que isto significa para as mulleres e para o
social (por exemplo, -sorpresa!- a falla de recoñecemento dos logros
das mulleres en formatos como o Día das Letras Galegas).
Por todo
isto hoxe nos eriximos, como as espantallos que somos, proxectando a
nosa longa sombra colectiva sobre o campo todo para advertir do
perigo deste proceso e de que, si, obviamente queremos que se lle
dedique o Día das Letras Galegas a mulleres, pero nos preguntamos
onde estaban todas estas institucións e voces nas décadas
anteriores ou, sen ir máis lonxe, cando se nos tratou como tolas nos
debates que houbo ao redor da figura de Filgueira Valverde ou outros
momentos semellantes por dicir que tales disquisicións eran
irrelevantes fronte ao feito de se recoñecer a CINCUENTA E CINCO
homes fronte TRES mulleres.
Contra o
vento, as espantallos erguémonos, festeiras e coloridas, para
reclamar que
- Se reforme a campaña iniciada de xeito que se recoñeza a orixe feminista da reivindicación
- Se traballe coas plataformas existentes (A Sega, a Marcha Mundial, Nós Mesmas, Álbum de mulleres do Consello da Cultura Galega…), entendendo que “traballar con” non se traduce en mandarnos un correo para que apoiemos o que nós mesmas levamos décadas reivindicando, senón integrándose no traballo feito polas nosas iniciativas.
Entrementres,
como boas e afanadas espantallos, seguiremos na leira, como CADA ANO
reivindicando que a Real Academia Galega ten unha débeda coas
mulleres que leva moito atraso en facer efectiva. Non é esta unha
débeda estética,
senón ética
e que como tal debe tratarse, visibilizando aspectos de fondo como os
que as espantallos reivindicamos neste manifesto. E no noso traballo
todas as mans son benvidas.
O MANIFESTO DAS ESPANTALLOS
Reviewed by segadoras
on
10:38:00
Rating:

Ningún comentario: