Un
mundo de meu.
Podería
mostrarvos como é o lugar en que adoito traballar e sería unha
ficción, porque ordenaría a mesa e a contorna da computadora para
que non descubrísedes o caos que ás veces se apodera de min.
O
certo é que naquel cuarto que tiven na casa dos proxenitores, fun
proxectando aos poucos un futuro de meu, porque precisaba espazo e
tempo e poder. Así foi que entre as lecturas de poesía, os
apuntamentos de lingua e os dicionarios, o que facía realmente era
trazar o mapa que me levaría fóra da casa do pai, os planos da
independencia económica imprescindíbel para ser dona de min.
Hoxe
vivo nunha casa de meu. Nun espazo que comparto por decisión propia
e no que habitamos na igualdade de quen leva ao ámbito doméstico o
que defende na rúa. Unha casa en que non hai fechaduras e nos
encontramos na conversa e nos traballos. O noso espazo de paz.
Para
quen fantasía, idea ou escribe en calquera lugar e momento, todos os
espazos da casa son óptimos para a concentración. Desde aqueles que
a iso foron dedicados, até os que teñen outro destino, mais acaban
por adaptarse á función literaria. Así o recanto
do oeste que
inicia un poema de Acuática
alma
e representa un lugar ao pé da ventá orientada a poñente, un lugar
de luz e calor antes de que o día remate.
Mais
a casa non son só os espazos de dentro. O eido que a rodea acaba por
ser tan principal coma os cuartos, porque ao final é xardín ou
abandono creado á nosa imaxe e semellanza, mundo do que somos as
únicas deusas. Por iso ese lugar sen paredes nin teito, en que
respiramos por todos os poros do corpo, pode ser o espazo. Un espazo
ao pé da natureza en que deixarse levar pola harmonía inaudíbel
das árbores e o aloumiño da brisa. Alentar. Cos ollos fechados.
Coas entrañas abertas. Sentíndose dona dese momento.
Porque
escribir é unha actividade que precisa dedicación e método, que
precisa domar as imaxes que adoito se desbocan e fannos saír
alancando na súa procura, esforzarnos en rodealas co lazo que nos
permitan suxeitalas, frealas. Domesticar a súa ansia. Aprendelas a
camiñar canda nós, coma as bestas do monte.
Atopar
ese punto de equilibrio entre o salvaxe e o cultural.
Marta
Dacosta Alonso
Xuño
de 2017.
O cuarto de Marta Dacosta
Reviewed by segadoras
on
11:52:00
Rating:

Ningún comentario: