Eu
sempre tiven cuarto propio. Desde que deixei o berce á beira de meus
pais tiven o privilexio de ser a única habitante da casa con
habitáculo individual e intransferible. Dos dezaoito en diante vivín
unha danza de casas e cuartos do máis variado, nos máis variados
lugares. Facendo a conta rápido saen unha ducia, pero é probable
que quede algún atrás. Unha ducia en trece anos, que non é pouco.
O
cuarto propio, como espazo físico non compartido, nunca me faltou.
A isto engádolle unha capacidade marabillosa para concentrarme no
medio de calquera barullo circundante, e o resultado é que ler e
escribir son actividades que podo facer en -case- calquera lugar e
momento.
Avións,
autobuses, trens, aulas, bares, salóns, prazas, estacións, parques,
perruquerías... Teño no meu haber tantos escenarios que nin os
lembro. A actividade de ler está inscrita na miña historia de tal
xeito que me é tan habitual como comer ou durmir. E se podo comer e
durmir en calquera lado, tamén podo ler e escribir -pero sobre todo
ler- en calquera lado.
A
terrible vida adulta trouxo consigo un obstáculo que non
experimentara mentres era estudante: a precariedade, non só material
senón tamén mental. E este é agora mesmo o meu escenario e o maior
inimigo da miña capacidade de me abstraer e concentrar. Traballos
que comen a motivación, xef*s que exercen un maltrato constante e
sutil que mina a enerxía, a ameaza constante do desemprego e unha
vida tan apática e con tan poucas esperanzas de que poida mellorar,
que dan como resultado moi poucas ansias para sentar e escribir. A
creatividade, simplemente, desaparece. Non a miña só, claro, porque
isto non é cousa miña, senón un problema estrutural.
Se
a rabia funciona como motor, o desánimo as máis das veces exerce
como paralizante. Teño un cuarto propio? Si, téñoo no plano
físico. Por sorte, conto con que o cuarto nunca me falte. Pero no
terreo do mental e do emocional, onde as ideas viven e medran, moitas
veces o que hai é un pozo seco.
Marzo de 2017
O cuarto de Lara Dopazo Ruibal
Reviewed by segadoras
on
09:43:00
Rating:

Ningún comentario: