Cela ne veut rien dire, de vouloir
faire parler
des images, de les forcer à dire ce
qu’elle ne sauraient dire
(Georges Perec)

De todo o que a poeta Eli Ríos
escribiu en ANAMNESE hai algo que me conmoveu especialmente.
Resultoume inquietante e revelador. Iso de que “
O tempo é unha
fantasía que reservas no bolso” leva no centro do
propio verso un fondo profundo que consegue devorarnos. Porque que
significa isto, que cousa estraña intenta expresar Ríos con esas
palabras, estratexicamente dispostas para o noso cerebro adormecido
nese acontecer cotián polo que trazamos a vida sen trazala? Hai na
afirmación da poeta unha vontade evidente de nos situar nun lugar
distinto, e, xa que logo, noutro tempo diferente. Porque do carácter
demoledor de seu, dese discorrer lineal xa temos plena consciencia.
Daquela, o que interesa, o que lle interesa a Eli Ríos neste libro,
é pensar a experiencia da duración ao xeito unha fantasía que
perfectamente podemos levar metida, como ela mesma indica, en bolsos,
carpetas, carteiras, ou, moito máis probabelmente, no centro da
conciencia, esa máquina íntima que non sempre estamos dispostas a
activar, porque de premermos no botón que a pon en marcha,
veriamonos diante do florecer da angustia. Quen pode pretender a
materialización de tal flor? Eli Ríos, por exemplo? Segundo eu
entendo, si. A autora de ANAMNESE lévanos da man por unha ben
estimulante viaxe introspectiva que desarticula toda autoficción
posíbel, na medida en que se abre para nós, para que vexamos o que
ela ve e sintamos o que ela sente. Conseguir este grao de empatía
nas lectoras non é doado, porque o percorrido que traza, coa
envoltura deses versos, non sempre resulta evidente. Ás veces
escolle a sincronía, para situarnos nun punto concreto, ese que
identificamos como presente real, partindo da percepción plana que,
en moitas ocasións, temos da cuarta dimensión. Outras, pon a mirada
no retrovisor e busca na anterioridade aquelas partes que perfilaron
a identidade, pois ao poñela contra ás cordas, suscitaron
convulsión, e, posteriormente, ruptura. A idea de que pode ser
necesario romper para avanzar non deixará de rondar na cabeza das
lectoras ao pasaren por riba de versos tan evocadores coma estes:
os
tacóns resoan no piche/ ensortellando a anticipación/ das cadeiras
que algún día/ (…) falseei ou sentín ás achancadas das
miñas. Ou estoutros:
tapo os oídos co plumón de oca/
desexando alterar o momento con cláusulas condicionais/ e partículas
de subxuntivo negando as voces da cociña/ asasinando as liñas da
escrita/ onde perdo a máscara do eu e me converto/ en lectora
da miña vida. Neste verso final -
onde perdo a máscara do eu
e me converto en lectora da miña vida- ofrécesenos a
escisión da primeira persoa que permite así unha observación
atenta do propio acontecer, e, polo tanto, das accións e reaccións
manifestadas nese punto concreto do tempo. Complexo? Si, un pouco,
pero moi suxerente. A verdade é que saír das coordenadas eróticas
e situar a trama poética nesta cuestión da identidade no seu fluír
coloca a Eli Ríos nun lugar diferente, ese no que o poema comunica
algo que conmove literalmente, porque consegue que nos movamos con
ela por ese ámbito circular do que sucede, daquilo que ten lugar nun
determinado momento e permite a aprenhensión dunha mínima parte do
real, ao tempo que identificamos a autoficción sen dramas. Somos o
que fixemos, o que pensamos, o que deixamos de facer?; Fomos a que
imaxinamos realmente ou creamos unha fábula ao redor daquela que
aparece nas fotos?; E que sucede co que sentimos, fomos o que
sentimos ou sentimos o que fixemos? ; E moi importante tamén,
chegamos ao lugar que queriamos ou estamos noutro totalmente
diferente? Cantas cuestións sobre as que meditar! De feito, o máis
sorprendente destes textos da autora, alén da calidade de seu, é
todo este ronsel de preguntas que derivan da súa lectura. Ríos
consegue, en efecto, que o libro saia fóra do papel, así é que
falaremos del e o pensaremos mesmo ao fecharmos a última páxina.
Enfatizo neste logro, porque teño moi presente a dificultade de
mover a quen le do seu cómodo sofá para contemplarse dende un
ángulo radicalmente distinto ao habitual. Isto sucede porque Ríos
ten moi claro que hai que moverse primeiro para poder mover a outros
despois.
Así é que a ANAMNESE de Eli podería
ser recibida coma un convite para que miremos o abismo. Por que non
deixarnos levar e botar entón unha ollada nese lugar, en principio
escuro, que tanto temor nos causa? Facelo ampliará a percepción e
nos liberará do cárcere que construímos sen nos decatar, cada vez
que poñemos en práctica a autocensura envolvendo o que sucede co
que amamos ou odiamos, metendo todo nun mesmo novelo, por temor aos
matices, esas liñas sutís que nos colocan ante a propia
responsabilidade que implica ser libre. E encofro os muros da
conciencia/ fechándote comigo, afirma Ríos, consciente
da existencia dun baúl nefasto onde verquemos o que cremos feo e nos
avergoña. A verdade é que esta proposta da poeta trae a miña
memoria o filme de Milagros Mumenthaler, A idea dun lago, no
que a presencia deste tempo da conciencia, coa reflexión que dela
deriva, se reflicte na confusión de imaxes do pasado e do presente,
que suscitan estrañeza. Sobre todo ao vérmonos fixas nas fotos da
infancia que capturaron aquel instante que, dende unha visión
tradicional do tempo, non poderemos revivir. Talvez por iso a autora
galega decidiu citar a Perec -cela ne veut rien dire, de vouloir
faire parler les images, de les forcer à dire ce qu’elles ne
sauraient dire.-, porque sabe do efecto que causa en nós ese
silencio das fotografías, nas que o ruído foi suprimido da vivencia
capturada e experimentamos, en certo xeito, o seu carácter mortecino
ao contemplarmos as fotos dende a perspectiva convencional do tempo,
esa na que resulta imposíbel habitar un riso concreto con aquela
emoción intensa que a cámara non chegou a roubarnos nunca, porque a
que vemos nesa foto é unicamente un eco da que si podía moverse en
todas as direccións e habitar a vibración, ese punto intenso en que
a materia branca nos ofrece múltiples posibilidades, onde a escolla
que fagamos será determinante. Conclúo pois que o máis soprendente
deste libro é o xeito en que aborda a complexidade da experiencia
temporal, alén da afouteza que implica mirar o abismo para perderse
nel e despois poder contárnolo como o fai: sen difraz.
Ningún comentario: