Fotografía Paula Gómez del Valle
" O que non se di é coma se non existise, dixéralle o avó un día, e xa ían sendo horas de existir. Alex, ata o de agora, só vivira de portas para dentro" ( p.9). Estas primeiras liñas coas que comeza a novela de Eva Mejuto xa nos sitúan nunha temática de "portas para dentro". Esa que non só resultaba invisible para as personaxes do relato senón tamén para a sociedade.
"
22 segundos relata, en primeira persoa, anacos da infancia e
adolescencia dun mozo transexual que, desde os primeiros anos
sabe_sen poñerlle etiquetas- que a súa indentidade de xénero non
coincide co sexo que lle asignaron ao nacer." (contraportada). A
escolla desa primeira persoa é un acerto por parte da autora porque
nos aproxima a unha realidade continuamente ignorada. Si, é certo,
que todas as persoas escoitamos falar de homes e mulleres trans, pero
comprendemos o que significa? comprendemos os atrancos que as leis
supoñen nun país no que nos manifestamos pola liberdade sexual de
cada quen? comprendemos, e pregunto con sinceridade, o que supón o
día a día nun mundo completamente inzado de prexuízos? Pois esa
primeira persoa, Alex, cóntanos o cotiá, os problemas no diario,
pero non só. Eva Mejuto opta por facer unha narración positiva,
desde o respecto e cun amor infindo. Un amor infindo na familia (
nesa figura do avó que nos emociona páxina tras páxina), na
parella ou no mesmo Alex no seu proceso de autocoñecemento e
transición. Esta elección non é secundaria. Todo o contrario.
Dignificar o contexto ou os procesos crea unha serie de referentes no
que as persoas adolescentes que lean esta obra poden encontrar un
espello no que mirarse. E son referentes positivos porque, para poder
cambiar as cousas, é necesario construír. Pouco a pouco, pero
construír.
O
texto divídese en 22 segundos-capítulos que enganchan desde a
primeira liña. A narrativa, áxil e dinámica, escapa das
descricións morbosas ou didácticas. Será sempre Alex quen nos vaia
contando como se sente desde que é crianza ata a adolescencia e, ao
mesmo tempo, como van reaccionando as persoas da contorna.
Percorremos con el, e coa súa familia, un camiño que non sempre é
fácil, pero que, con valentía, chega ao seu destino: vivir a vida
como cada quen é. E, nese proceso, descubrimos que o medo nos
impide, como lle acontece a Alex, confiar na xente ata que nos
sorprenden. Alex recibirá esa sopresa que derrube os muros e, para
que iso tamén aconteza na nosa sociedade, novelas como esta de Eva
Mejuto son imprescindibles para cambiar as ópticas e que o respecto
sexa unha realidade e non só unha palabra literaria.
Aínda
que 22 segundos está inserida na colección xuvenil de
Xerais, Fóra de xogo, creo que é unha lectura que nos acae ás
persoas adultas porque, como dicía a súa autora nunha presentación,
moita xente que se manifestou contra o autobús de hazteoir
nin sequera ten moi claro como tratar unha persoa transexual ou como
comportarse diante de situacións que, antes, lle parecían normais a
base do hábito. Mudar os costumes é necesario e ofrecer a
posibilidade de facilitar, e non poñer pedras no camiño, a
situación das persoas historicamente silenciadas e, aínda peor,
aldraxadas.
"
Se queres estar ao meu lado, perfecto, mais se vas sentir vergoña de
que te vexan comigo, prefiro que marches. Por moito que eu che
queira, levo moito tempo loitando e este paso teño que dalo, contigo
ou sen ti" ( p. 118) E, así as personaxes vanse posicionando,
van realizar escollas segundo a súa forma de pensar ata que quedan
definidas á perfección nesta narrativa. E ese mundo coñecido, ese
mundo no que a nai ten que repensar o construto social aprendido, ese
mundo no que a personaxes sabían como comportarse ante o habitual
esborrállase porque " Fágoo tamén por se a miña experiencia
pode axudar a quen estea a pasar por esta mesma situación. Moitas e
moitos quedaron no camiño e outros marcharon, cambiaron de lugar
para viviren unha nova vida, empezando de cero. Eu non quero fuxir a
ningún sitio, quero vivir coa miña xente, no meu barrio, no meu
país."( p. 10) Vivir no silencio ou na distancia xa non é unha
opción. Alex sábeo e nós sabémolo. Só nos queda, entón,
escoller e poñer, tal como fixo a autora, esta realidade enriba da
mesa.
[ Eva Mejuto, 22 segundos,
Xerais, 2017]
22 segundos por Eli Ríos
Reviewed by segadoras
on
09:56:00
Rating:

Ningún comentario: