Eu non
nacín cun cuarto propio. Tiven que o inventar na primeira casa. Ás
veces era a cama, antes de durmir, algo ás agachadas semiescuras;
outras, era a mesa do comedor entre cadernos de deberes escolares e
libros de texto. Aínda outras tiña que ser a mesa da cociña,
fuxindo doutros labores e responsabilidades da casa, como filla
primoxénita, propios do xénero, e acompañando coas mans a
escrita e a lectura entre texturas e aromas dunha pota que
puntualmente douraba rixóns para a economía familar.
O meu
cuarto propio naceu canda todos os demais metros cadrados da casa de
meu. Tiven que o pintar na segunda casa na que continuei a medrar até
o de agora coas tres voces compañeiras que me amplifican todos os
mundos. Puiden soñalo nos marcos do papel para a vida. Expoñer
necesidades e reparto do espazo para o traballo profesional, para a
escrita e a lectura. Valorar a entrada de luz natural para aproveitar
a súa oportunidade. Ollar directamente a porta para vixiar idas e
vindas das crianzas. E calcular a mesa curva para aproveitar ben o
espazo de traballo.
Nos
últimos vinte anos fóronme acompañando continuos saúdos e
recepcións a novas lecturas que me rodean neste espazo compartido
entre lembranzas fotográficas persoais, familiares e profesionais.
Rosalía de Castro, Alexandre Bóveda, Manuel María, Lois Pereiro,
Agustín Fernández Paz, Mª do Carme Kruckenberg, Begoña Caamaño
van compoñendo, cara a cara, o mural iconográfico de pousos
literarios. E, ás veces, no reparto equilibrado da mesa de cerdeira,
retello columnas de folios e cadernos do meu alumnado xunto ás
partituras da miña violínista preferida que me acompaña en ensaios
descuberta.
A
vista do traballo diario coas palabras, de tempos irregulares e
condicionados, bate de fronte cun pequeno andel que, onda a chave da
luz do cuarto, recolle os volumes propios que naceron, ao longo dos
últimos vinte anos, para a lectura de ollos alleos e tactos
prestados xenerosamente.
Porque,
aos poucos, eu nacín ao meu cuarto propio.
O cuarto de Mercedes Queixas
Reviewed by segadoras
on
09:32:00
Rating:

Ningún comentario: