IV Día das Galegas nas Letras: Unha carta de amor aos puntos suspensivos

Unha carta de amor aos puntos suspensivos
MANIFESTO D’A SEGA NO IV DÍA DAS GALEGAS NAS LETRAS




Os puntos suspensivos empréganse para indicar a omisión dun texto nunha transcrición literal cando se produce ao principio ou ao final da cita”*
Esta é unha carta de amor aos puntos suspensivos.
Dedicada a todas aquelas cuxos textos foron omitidos, cuxas transcricións literais non chegaron ao final da cita. A todas aquelas que tiveron que padecer que mentres uns atopan os recoñecementos, o lugar nos libros de texto ou os máis altos honores cunha ou dúas obras publicadas, outras escapen polos mesmos motivos ata dos andeis das librarías, xa non digamos a atención da crítica, o canon e a fama literaria.
Se a omisión se produce no medio do texto, os puntos suspensivos van encerrados entre corchetes [...] ou entre parénteses (...), con preferencia para os primeiros, para evitar que o lector pense que os puntos suspensivos forman parte do texto orixinal:
Esta é unha carta de amor aos puntos suspensivos.
Dedicada a todas as que nos aparecedes tronzadas, deturpadas, feitas obra incompleta, resto antolóxico, palabra silenciada. Ás que vivides a creación literaria como unha enorme paréntese entre a primeira obra (…) e aquela que poderá ser o non, quen sabe. Porque encontrades pedras […] no camiño das que ninguén se responsabiliza, mas que eis as están, á nosa vista.
Cando non se desexa concluír unha enumeración, pode optarse quer polo uso da abreviatura etc. quer polos puntos suspensivos”
Esta é unha carta de amor aos puntos suspendidos.
Dedicada a aquelas que nos permiten seguir escribindo, interrompidas polas cargas laborais e domésticas, pola violencia implícita e explícita, polo rexeitamento, polo paternalismo editorial, polos críticos que canonizan catro autores, polos homes que pretenden falar por nosoutras e levarnos polo carreiro das modas, polo fastío de que a unha a traten seguido como escritora de segunda categoría.
Sen que ninguén interrogue os silencios.
En ningún caso se debe utilizar de forma combinada a abreviatura etc. (nin a súa forma plena etcétera) e os puntos suspensivos, xa que resulta redundante”
Esta é unha carta de amor a cada punto suspenso.
Dedicada a todas aquelas que nunca serán redundantes. Que nos manteñen en estado de expectación, agardando o regreso. Que nos negamos a ver coma un etcétera, sen nomes e apelidos. Para vos dicir que vos entendemos. Mais que vos botamos en falla. Que vos necesitamos. Que vos queremos a cada unha con nomes e apelidos. Este ano, cos de Patricia Janeiro. Que nos deu a caixa de mistos e a perspectiva dende a porta. Imprescindibles, coma cada punto que marca o non-fin dos nosos textos…




*http://wikidog.xunta.es/index.php/Signos_de_puntuaci%C3%B3n#Puntos_suspensivos

Comentarios