O cuarto de Antía Marante

Imaxe de Antía Marante

Antía Marante Arias

Lembro perfectamente cada un dos cuartos nos que escribín ata o día de hoxe. Agora escribo en paralelo ao Atlántico, ao carón dun dos parques que percorría de cativa e de costas ao cuarto no que aprendín a escribir e a ler. Tras anos de cidades afastadas e vivendas con data de caducidade perfeccionei a capacidade, herdada da miña mai, de facer meus os espazos en milésimas de segundo. Recoñézome argallando cuartiños propios en Compostela, Barcelona ou Kiel e por iso o cuarto onde hoxe escribo contén tamén todos aqueles cuartos efémeros e imposíbeis que construín, en mesas de comedor ou sofás de pisos compartidos. 

Agora no meu cuarto propio hai unha fotografía da miña avoa fronte ao Atlántico, pezas de cerámica, unha bola do mundo pequena e colorida, un barquiño de papel que veu do norte, unha pranta de aire, unha folerpa, o debuxo dunha nena do Senegal, unha polaroid que fala de amor, unha flor, postais que preservan amizades, cadernos con proxectos en marcha, cartafoles con follas en pausa, torres miúdas de libros que recensionar… 

Á miña dereita observo unha fotografía de Saul Leiter que leva anos acompañándome. Nela unha muller escribe nunha terraza de Paris. A fotografía relémbrame que as paredes do cuarto xórdenme sempre que haxa arredor follas en branco, bolígrafo ou computador e tempo para teclear o que preciso dicir. Haberá anos, coma este, de cuartos con vistas e outros, de cuartos con xaneliñas a patios de luces ou de recantos compartidos. Tanto ten, coido e coidarei destes espazos como dunha planta e acubillareime sempre neles para continuar aprendéndome. 

Comentarios