![]() |
Imaxes: Yolanda López |
UNHA HABITACIÓN PROPIA
Como mulleres, temos que reivindicar o noso espazo, a nosa coraxe, a
nosa forza e independencia que tanto nos custou, nos custa e aínda
nos seguirá custando acadar neste mundo inxusto e desequilibrado.
Dende os meus inicios como escritora, a miña habitación propia
nunca tivo paredes. Durante moitos anos fixen unha vida tremendamente
nómada. Vivín en diferentes lugares do mundo e, en todos eles,
calquer recanto valía para deleitarme entre verbas entrelazadas pola
necesidade de liberdade e autocoñecemento.
Na miña estadía en Estados Unidos e Reino Unido, as bibliotecas
eran universos onde escribía con pracer. Ese silencio, esas
estanterías ateigadas de latexo, o contacto humano a través dos
libros, eran fonte de inspiración e lugar propicio para a miña
escrita.
Houbo unha época, sobre todo na miña estadía en Madrid, onde as
cafeterías eran lugares máxicos para moldear versos e autobiografía
a través de diarios, que precisamente este ano sairán do prelo.
Noutras moitas ocasións, o campo, os parques, o aire libre eran, e
seguen a ser, indispensables para combinar a lectura coa poesía.
Nin qué dicir das salas de arte, dos actos literarios, das miñas
leituras, do cinema, da pintura, da fotografía, das exposicións,
todos punto de partida para as miñas composicións. A
multidisciplinariedade sempre estivo presente no meu proceso
creativo. O que é certo é que a beleza dos pequenos momentos, o
encanto dos pequenos lugares son “case” suficientes para
escribir.
Hoxe en día, teño a inmensa sorte de ter un posto de traballo
estable e permanente, algo polo que loitei, o que me permite vivir en
soedade, pois dende sempre fun unha persoa moi independente, e en
certos momentos moi solitaria por decisión propia, e así, ter un
cuarto propio para adicar ás tardes ao que realmente me prace, a
literatura e a arte. A solvencia económica é básica para ter un
lugar onde traballar entre liñas, sen dúbida, pois este tipo de
solvencia deriva na estabilidade emocional e persoal que tanto
buscamos para evoluír como mulleres e, en consecuencia, para crear.
Se hai algo que desfruto moitísimo é esa fase onde, rematado un
poemario, espallo todas as follas polo chan adiante, e traballo na
estrutura do libro. Fago auténticos puzzles visuais. Todo se volve
unha mistura de “tecnoloxía” e artes “manuais” e, por
suposto, aderezado coa intervención da deusa dona que é a
imaginación.
Sei que esta non é a situación na que viven moitas mulleres, podo
dicir que son afortunada, mais tamén engado que os momentos
complicados da vida e as súas crises poden ser a auténtica raíz
dunha verdadeira obra literaria. É na loita diaria onde rubimos pola
montaña da dor para converter a enerxía negativa en cultura
potencial. Unha folla. Un bolígrafo. Un recuncho. E toda a historia
está por diante. A páxina en branco contén o universo que estamos
buscando.
Comentarios
Publicar un comentario