![]() |
Imaxe: Beatriz Maceda Abeleira |
Por Beatriz Maceda Abeleira
Son filla única e nai de fillo
único. Como filla sempre gocei dun cuarto para min soa, como nai, deixaron de
existir os espazos privados durante anos. A noite, e non sempre, converteuse
nese cuarto silencioso no que en ocasións as palabras agromaban con
xenerosidade.
Cando era pequena e viñan
amigas a casa o primeiro que dicían era que apenas había xoguetes e a súa cara
de decepción, co tempo, deixou de molestarme. Para xogar prefería a rúa, no meu
cuarto os libros eran o máis valioso que tiña e co que máis gozaba.
Sempre me custou compartir
espazos e segue sendo así. Só o meu fillo conseguiu que fose xenerosa nese
punto durante uns anos.
Agora vivo exiliada na cidade,
nun ático, cun recuncho no dormitorio co mar en fronte. Ese mar herculino que é
o que me dá un espazo infindo, que algún día tamén terei que abandonar.
Escribindo acado rodearme dunha
esfera case infranqueabel na que loito cos meus personaxes, que saen e entran
dela con desvergoña. Máis en ocasións, alguén, cos seus poderes afectivos,
logra traspasala. Porque sempre hai un personaxe principal, real, ao que é
imposible non deixar pasar.
Por onde ía eu?
Comentarios
Publicar un comentario