O cuardo de Rebeca Baceiredo

Imaxe: Rebeca Baceiredo

Por Rebeca Baceiredo

Precisamos dun espazo privado para que o eu se exprese? O espazo privado fronte o espazo público, dicotomía liberal, ideoloxía burguesa, propicia a hipertrofia do ego, que escribe, así, grava en pedra, os seus territorios, o seu desexo espectral? A habitación propia permite que o eu quede a soas consigo mesmo, no espazo da súa autoreflexividade, enchéndoo, enchéndose. Mais tamén ese espazo ‘privado’ serve para baleirarse, para espirse, para quedar fóra do eu en tanto que ese eu se constitúe baixo a mirada do Outrx como representación de si, mais sen coincidir consigo: isto é, a habitación propia para deixar de existir e empezar a ser, para espirse, para saír da representación determinada pola mirada e pola palabra dese Outrx que constrúe e domina, para figurarse, para definirse nas representacións propias. A retirada, logo, para moldear ese eu segundo a nosa medida, segundo o noso desexo, que haberá que atopalo fóra da representatividade imposta (e propor outra, os nosos xogos de sentido, pois tal é o mecanismo literario e pode pensarse así tamén o ontolóxico, ontoloxía e arte…)

Ata os doce anos fixen cabanas sen parar: buscaba obsesivamente, e infrutuosamente, por falta de materiais e técnica, o meu cuarto propio, o meu espazo, para poder estruturalo e decoralo ao meu xeito: fago fogar axiña, coas colchas e tapices que atopei polo mundo. Construcións de madeiras (madeiras que meu pai sempre me axudaba a conseguir, para facer casiñas ou para pintar) ou galiñeiros abandonados foron os primeiros intentos. Finalmente negociei habitar, no tempo para min, o canastro de miña avoa: alí figurabamos outras representacións. Interpretabamos ti eras tal, eu era tal, estábamos en tal e iamos facer tal.

Escribín contos e ensaios nunha colección que eu editaba a man, con ilustracións, no salón da casa: miña nai acabou facendo do salón un espazo sacro, sen subxectivacións familiares, espazo de lembranzas silenciosas. Aos trinta tiven que volver escribir nel durante uns meses, nun tránsito entre cidades e vidas… É frío pero radicalmente luminoso, os ceos ourensáns vence dende alí como hierofanías, sen mediación, pois a ventá é enorme, todo cristal. Repintei os cadros antigos.

Aos nove anos aprendín a mecanografar nunha Olivetti e escribía reportaxes e artigos, opinaba, desenvolvía o eu fronte ao mundo. Despois da adolescencia esquecín que escribía para min. Mais nunha habitación dunha cidade estranxeira, Barcelona, desorientada, recordei a escrita, recordei que eu escribía… Recordei que era o xeito no que me atopaba e me definía: encontraba as miñas ‘formas’, as formas do meu corpo espido. Esribinme a min e escribín o mundo. Hai poucos anos que tiven que lembrar de novo que me fai ben escribir, que me gusta, que é o que quero facer cando me apetece e que as demais cousas que fago as fago para poder pagar o espazo no que escribir e, así, vivir.

Dende entón priorizo o meu lugar, preciso ter onde colgar as miñas teas, permanecer soa varias horas ao día, deixarme estar e que veñan as ideas sen impolas, sen buscalas. Doutra maneira asfíxiome, desequilíbrome. Pero ese espazo hai que pagalo e o traballo, por ter que desprazarme e alugar pisos baleiros, non-lugares que intento encher non con teas pero si con palabras, fai que sinta desterrada, tamén desterrada do tempo: quero poder dispor do meu tempo, quero o tempo autónomo (e ese é o meu manifesto revolucionario;) e sentirme plena e feliz na suspensión do eu, na súa ausencia, fóra da representación que o mundo fai del, afirmando, como o nenx de Nietzsche, a multiplicación de sentidos.

O esparzo propio, polo tanto, para min, é o espazo de desubxectivación, non de hipertrofia do ego, que atraveso, que suspendo para atoparme fóra das condicións materiais que non podo evitar: time or cash, pintaron nunha parede do barrio.

O cuardo de Rebeca Baceiredo O cuardo de Rebeca Baceiredo Reviewed by admin on 16:46:00 Rating: 5

Ningún comentario:

Con tecnoloxía de Blogger.