Por Eli Ríos
Este comic de 56
páxinas consegue emocionarnos cunha historia delicada e con grandes doses de
humor. O seu tema (deshaucios, soidade, abandono, crisis económica, etc) é
tratado con moita sensibilidade nunha narración moi áxil e divertida na que a
ilustración complementa á perfección a narración. Así, sen artificios
innecesarios a escritora ofrece unhas características definitorias esquemáticas
que o deseño complementa ata criar a imaxe xeral. Este conxunto de
características permiten que nos acheguemos á historia desde a tenrura que nos
transmiten as avoas África, Concepción, Angustias e Dolores.
O coidadísimo
uso do humor fai que, ademais, vaiamos coñecendo as situacións diarias- e
durísimas- ás que se enfrontan as nosas protagonistas e empaticemos con elas.
Respecto e cariño para denunciar unha realidade social excluínte e insolidaria
que as obriga a tomar medidas desesperadas. Aínda que este tratamento, lonxe do
escabroso ou morboso, sexa agradable, isto non quere dicir que a lectura non
deixe un pouso reflexivo profundo. Todo o contrario.
A acción
desenvólvense nunha oficina bancaria (a que pretenden atracar armadas con
agullas de calcetar, muletas, etc) e nunhas poucas horas. O feito de reducir os
elementos da trama, número limitado de personaxes, etc, dalle máis forza á
mensaxe que aniña entre as súas páxinas: os por ques das razóns e motivos polos
que as anciás arriscan un acto deste tipo, como os medios de comunicación fan o
tratamento dos feitos, as cobizas e anceios dos propios familiares…
E, sendo un tema
tan complicado, as autoras conseguen facernos sorrir, páxina tras páxina, e
darlle a volta a unha situación na que todo non é branco ou negro, bo ou malo.
Aínda que a
lectura é unha das que se fan en quince minutos, non é das que quedan aí:
regresa, unha e outra vez, para obrigarnos a repensar as novas que lemos nos
xornais ou a historia que nos conta a veciña mentres esperamos na fila da
tenda.
Cristina Bueno, Raquel Franco: Las abuelas dan el golpe. Planeta Cómic, 2015.
Las abuelas dan el golpe
Reviewed by admin
on
09:16:00
Rating:

Ningún comentario: