O cuarto de Rosa Enríquez

Imaxe: Rosa Enríquez
Por Rosa Enríquez

Non son nai. Endexamais quixen selo e estou ben contenta. Non ter fillas que educar permitiume manter a liberdade da que podía gozar, máis ou menos, aos vinte anos. Haberá quen moralice con isto e considere que son egoísta. Sono realmente? Eu non o vexo así en absoluto, e, francamente, éme indiferente o que se comente a respecto deste particular. Como diría Despentes, non escribo para nais abnegadas, nin para todas esas que, en xeral, fan, ou fixeron, o que se agardaba delas. Respecto o seu lugar, pero eu non estou aí nin tampouco non quero estalo. Prefiro non facer oposicións entre normal e raro, para, no seu lugar, contrapoñer frecuente a escaso, aínda que, a día de hoxe, talvez xa non sexamos tan poucas as mulleres que non contemplamos a maternidade como algo determinante para “realizarnos” nesta vida. O feito de representar o que a sociedade posmoderna define como “single”, con certos hábitos burgueses dos que me resulta difícil substraerme, e, sinceramente, tampouco teño gran interese en facelo, entre outras cousas porque me permiten desfrutar do cinema, da fotografía, alén doutras moitas manifestacións estéticas, xerou en min un proceso de autodeterminación emocional que se foi facendo máis e máis forte co paso dos anos. É esta especie de “autarquía” na que vivo a que maior pracer me dispensa. Daquela, máis que un espazo físico -ese cuarto propio tan necesario, certo é, non só para escribir mais para ler e pensar-, creo que conquistei un territorio mental, libre de colonización, que me custou moitos anos conseguir. Esta imaxe que vedes é unha materialización parcial do sitio no que escribo os artigos, mais tamén podo desfrutar da devandita “autarquía” en espazos públicos, que son ben máis estimulantes para min. Refírome, por exemplo, á biblioteca do instituto no que traballo, que, en certo xeito, deveu para min ese cuarto impropio, pero suxerente, no que ler o que me apetece nas horas libres. Fáiseme agradábel comprobar que hai máis persoas alí que tamén len e que son moi novas. Leña verde a piques de florecer e deixar pegada, ou así me gusta pensalo a min. Tamén leo no bus, no tren e na casa de miña nai ou dalgunha amiga que me convida a durmir de cando en vez. O feito de aprender, ese intre no que “descubro” algo que ignoraba, ten para min a categoría de “acontecemento”. Por suposto é este un “acontecemento” modesto, na medida en que non ha provocar mudanzas relevantes na vida dos demais. Tal pretensión sería ridícula pola miña parte, malia ter moi presente que este tipo de revolucións internas son as que propiciarán outras máis importantes que favorezan a vida da comunidade. No entanto, mentres esta concienciación colectiva non se produza, sei que aprender me facilitará o acceso á unha felicidade distinta da que me venderon case todas as persoas que coñecín en todos os lugares aos que acudín. Refírome a unha felicidade moi simple que, finalmente, aprendín a valorar e que eu asocio coa liberdade. Non son nai por vontade propia. Non estou casada porque non quixen. Non escribo poemas dende hai meses porque non me apetece. Leo, fundamentalmente. Vou ao cine todas as semanas. E amo a xente que sabe amarme. Á que non, éme indiferente. Teño claro, por tanto, que amar en liberdade é o único cuarto propio que pode interesarme neste momento.

O cuarto de Rosa Enríquez O cuarto de Rosa Enríquez Reviewed by Unknown on 08:53:00 Rating: 5

Ningún comentario:

Con tecnoloxía de Blogger.