![]() |
Imaxe: Paula Gómez del Valle |
Por Emma Pedreira
É
moi importante, neste preciso momento, que as mulleres nos liberemos da nosas
faixas. Non nos favorecen por moito que nos prometan, senón que contribúen a facer un monumento ao
contrincante e mesmo a darnos unha rancia sombra. Falo desas faixas vermellas
que nos libros delimitan os contributos das autoras, como esa ultimísima e tan
polémica que di de Elena Garro esposa de, amante de, filla de, ou aqueloutra de
Simone que falaba tanto de Jean Paul que non deixaba espazo para ela.
A de
Mina Loy (Londres, 1882- Colorado, 1966)
falou durante moito tempo de Cravan e, por fin podemos ver con este
libro publicado por La Linterna Sorda en edición de Ana Muíña e apertura da
poeta galega Ana Cibeira, o que ela foi e que o seu legado é enorme,
interdisciplinar e si, existe.
A faixa
vermella actual de Mina Loy –a políticamente incorrecta- diría que desafiou a
Marinetti, pasou de Tristán Tzara e que sobreviviu a Breton, Duchamp, Man Ray e
ao desaparecido Cravan.
Publicado
para celebrar os cen primeiros anos do movemento Dadá, La Linterna Sorda
ofrécenos en MINA LOY Futurismo-Dadá-Surrealismo, unha coidadísima
contextualización histórica dese século no que se sucederon os ismos, así como
unha boa cantidade de textos até agora inéditos en castelán da propia Mina da
que somentes se publicara unha pequena e descatalogada antoloxía en
Huerga&Fierro e o libriño Breve Baedeker Lunar (Ed. Torremozas). As
representacións facsimilares combínanse con multitude de fotografías, debuxos, bocetos,
deseños tipográficos, collages e o longo poema Parturition, así como a súa resposta
feminista ao Manifesto Futurista.
O
estraño, a pregunta que me levo facendo desde que comecei coa lectura hipnótica
do libro, é por que Mina non é rostro do surrealismo, por exemplo, ou quen foron
Emma Goodman, Claude Cahun, Remedios Varo, Hanna Hoch, Lucía Saornil, Sylvia
Beach, Edna Saint Vicent Millay ou Vera Broido e por que case non chegaron a
nós e sen embargo mil veces temos pronunciado os nomes de Tzara, Bretón,
Ungaretti, Ray, Picabia, Gómez de la Serna ou Marinetti como referentes deste
periodo.
A
resposta está na propia raíz dos ismos, que neste volume se representan en orde
cronolóxica para aportar profundidade ao paso de Mina polos case noventa anos
que ocupou a súa biografía.
No século
XX a arte non quixo ser tradución da vida senón a propia vivencia, a invención
e a realización da liberdade, iso si, a través da arte repentista, violenta, representativa
do que avance e progreso xeraban nas súas marxes e onde a pobreza e a descompensación
eran un feito. A arte, e a poesía como raíña, convertiuse en chave para
transformar o mundo.
“A arte non pode ser máis que violencia,
crueldade e inxustiza”, di Filippo Marinetti.
O Futurismo,
enuciado como tal en 1909, combatía a desidia, o aburguesamento e a falta de
ideas novas, cunha mobilización que comezaba por enunciar a emancipación da
muller e, pola contra, convertiuse no movemento artístico con maior número de
mulleres creadoras sen que até hoxe trascendese case a obra de ningunha delas debido
ao eclipse falocéntrico dos seus membros –nunca mellor dito-.
O
falocentrismo artístico italiano, que expuña no seu manifesto consignas tales
como “queremos glorificar o desprezo cara
á muller”, tocaba o movemento futurista coa violencia e, baseado moitas
veces en arengas de carácter belicista, chegaría a ser o xerme do Partido
Nacional Fascista, apoiando a participación de moitos dos seus membros na
primeira gran guerra europea.
En
1912, Valentine de Saint Point respostaba co seu Manifesto da muller futurista
a esoutro de Marinetti carregado de
misoxinia e militarismo. Ela espetaralle algo así como “A humanidade é mediocre. A maioría das mulleres non son nin superiores
nin inferiores á maioría dos homes. Somos iguais. Ambos merecemos o mesmo
desprezo”.
Dous
Anos máis tarde Mina Loy faría a súa propia versión do Manifesto Futurista,
máis esixente e rotundo, menos compracente e máis avivador do espírito loitador
das mulleres. Nel, a autora diría algo que aínda podemos enarborar como
bandeira:
“MULLERES se queredes realizarvos
–atopádesvos nas vésperas dunha convulsión psicolóxica devastadora- todos os
vosos compracentes enganos haberá que desenmascaralos –estades preparadas para
ese esforzo?-non pode haber medias tintas- rascar na superficie do lixo da
tradición, Non acadará a Reforma, o único método é a Demolición Absoluta”.
Foron
estes poetas futuristas –machos, soldados, violentos e chovinistas- os que se
encargaron de eclipsar e mesmo de borrar a figura de Mina Loy, que descubre o
movemento nunha estadía en Florencia en 1913. Para estes homes, nin Mina nin as
outras creadoras –en grande parte as futuristas rusas- non aportaron nada e por
iso non son merecentes de sinalarse. Nada significa para eles que Mina Loy
introducise o verso libre ou unha linguaxe liberada da puntuación gráfica, ou
volvese aos epigramas, mesmo que introducise o poema en prosa, limítrofe co
xénero narrativo.
É a
propia Mina a que desiste e abandona o movemento por incoherente, machista, antilibertario
e pola súa inclinación á guerra europea e á guerra de sexos.
Tanto
Loy como outras creadoras que buscan o seu propio espazo tratan de reformular
os modelos de expresión para falar dos roles de xénero ou da política sexual e
hai case cen anos, naquela sociedade pacata e machista, escríbense textos que
falan do parto, do aborto, da autonomía sexual da muller ou do sexo libre. É Mina Loy, na que
co seu poema Parto, fala por primeira vez, en primeira persoa e de maneira
empírica da experiencia do alumbramento como algo animal e biolóxico, pero tamén
místico e cósmico. Por fin as palabras nomean o corpo coa propia voz do corpo.
En
1916, hai exactamente cen anos, Dadá xorde oposto á guerra, cataliza os ismos
deteriorados e trata de crear unha linguaxe rotundamente nova. O primeiro é
abolir as normas e o futuro, desencaixar as utilidades do artístico sublimando
o momento, a circunscrición ao aquí e ao agora.
A
aparición de Arthur Cravan como valedor do movemento en España e da figura
feminina emancipada, sitúa nas súas filas a Mina Loy –a súa parella, até que el
desaparece misteriosamente en 1918- e a moi poucas mulleres máis e sempre de
maneira subrepticia e marxinal. Unha cousa é a teoría e a publicidade do
manifesto, dando cabida e atraendo a creadoras e público feminino e outra a
permisividade sobre a visualización do traballo artístico das mulleres neste
momento.
O
Dadá será asasinado en París por André Breton e Surrealismo; o novo movemento
artístico é o que move unha maior masa de creadoras e o que presenta a maior
apertura –e alternativas- sobre a identidade de xénero e o que permitiu unha
maior permanencia da muller ben como
obxecto directo, suxeito pasivo ou actuante.
É
polo tanto, motivo de celebración, non tanto o século trasncorrido tras da
fundación do movemento Dadaísta senón a recuperación, lustre e vigorización da
figura, obra e pensamento de Mina Loy, artista demasiado completa como para
estancarse nunha única corrente artística e complexa de máis para ser entendida
e valorada na súa época, sobre todo polos seus, xa non compañeiros, senón
completos rivais.
Mina Loy. Futurismo-Dadá-Surrealismo. La Linterna Sorda, 2016.
Editado por Ana Muiña. Apertura: Ana Cibeira.Traducción: Ana Grandal
Comentarios
Publicar un comentario