![]() |
María Lado. Imaxe: Santos-Díez |
1. Con que frecuencia/cantas veces che fixeron un
cuestionario con preguntas machistas, estúpidas e inapropiadas como por
exemplo: con que famoso compartirías toalla, que vicios non soportas da túa
parella e cousas semellantes?
Pois teño que recoñecer que esas tres preguntas
absurdas non mas fixeron nunca, cousa que lamento, porque sería unha boa
oportunidade para dar as respostas que verdadeiramente merecen esas parvadas.
2. Cantas veces te chamaron "rapaza" nun
contexto literario profesional?(valen sinónimos: moza, chica, rapariga, nena,
nenita...)
Rapaza chamáronmo unhas cantas, especialmente cando era rapaza
(cando comecei con 17 anos). Co paso do tempo menos, pero aínda agora mo chaman
algunha vez. Depende do contexto non o vexo mal nin me senta mal.
3.
Cando foi a última vez que viches unha comedia romántica e quixeches matar
alguén xusto despois?
Debeu ser na década dos 90... Eu sempre coidei moito da
miña saúde mental.
4.
Cando foi a última vez que queimaches un suxeitador, tuneaches unha
parede/estatua/estrada...?
Nunca queimei un sostén, paréceme un estrago porque
os compro cos meus cartos. Cando non o quero poñer déixoo no armario. Se cada
vez que me molesta un o tivese que queimar non ganaba para roupa interior. Só intervín
paredes na adolescencia. Agora adoito deixar notas en coches que están mal
aparcados sobre beirarrúas, pasos de peóns, dobre fila... con mensaxes
explícitas do tipo: “son un estorbo”, “son un incívico e non me importa” ou o
meu preferido “bobit@”. A miña ilusión é chegar a facer con estas mensaxes
unha pegatinas desas de folio que se imprimen na casa e poñelas directamente
sobre a chapa, porque sei que son moi malas de sacar.
5. Con que feminista viva ou morta non compartirías
toalla?
Pois en principio con ningunha morta...
6. Cando escribes se tes fill@s? De onde sacas o
tempo?
Pois de onde antes sacaba o tempo para ir traballar a unha oficina. Eu
decidín decicarme só a escribir e cousas relacionadas e tomalo como un oficio
coas súas horas laborais. Isto permíteme compaxinalo mellor coa maternidade.
Por veces escribo de noite, mentres el durme, sobre todo se teño moito
traballo, pero son as menos.
7.
Escribes para mulleres, sobre "temas de mulleres" ou a crítica falou
da túa obra como "literatura feminina"?
Nalgunha ocasión, sobre todo
cando nos 90 foi aquel momento onde continuamente nos interrogaban sobre a
literatura de muller, teñen falado da miña escrita como literatura de muller.
Eu non teño esa intención cando escribo, escribo dende a miña mirada e se trato
temas de mulleres é porque me interesan a min.
8. Quantas vezes te aplicaram o substantivo meiga,
feiticeita, fada?
Mmmm... creo que ningunha, polo menos no referido ao ámbito
literario e profesional. Se algunha vez se dirixiron a min neses termos para
tentar ligar foi perder o tempo, iso seguro.
9. Cantas veces che preguntaron que escritorEs son unha
referencia para ti?
Cada vez que me fan unha entrevista.
10. Cantas veces te chamaron poetisa (se escribes poesía)?
Uns cantos centos de miles. É unha palabra terrible. Normalmente adoita chamarme
“poetisa” a xente que di que escribo “poesías”.
11. Qual é a personagem feminina mais patética que leste num
escritorO?
En xeral os estereotipos das mulleres da novela negra clásica
americana, da que son moi fan, por contradictorio que pareza, son bastante
limitados.
12. Qual é personagem masculina mais patética que leste num
escritorO?
É posible que Don Celidonio, O porco de Pé, de Risco sexa do máis
patético que vin pasar polas páxinas impresas da literatura mundial.
13. Um paiaso da vida real...
A de paiaso é unha profesión
moi respetable que non me gusta empregar coma insulto, e esa é a maneira na que
vou entender esta pregunta. Os meus paiasos preferidos da vida real son Faemino
e Cansado.
14. Um
paiaso da vida literária...
Na mesma liña que a resposta anterior, un dos meus
paiasos preferidos da literatura é o osiño Winnie.
15. Qual foi a última vez que che enviaram a esfregar
pratos/fazer camas/passar a fregona?
Pois nunca. Ben... mandábame miña nai cando
viviamos as dúas xuntas, pero non como un xesto machista, como podedes entender
perfectamente.
16. Qual foi a última vez que exerceches de crica
testemunhal no meio do nabal?
Hai pouco, nun recital polo día da Galiza Mártir.
Comentarios
Publicar un comentario