![]() |
Imaxe: Paula Gómez del Valle |
Por Lara Rozados
Neste
ensaio (Anti natura, Xerais, 2008), María Xosé Queizán dálles unha volta ás ideas asumidas como lexítimas
nas que se asenta o patriarcado. Esta "viaxe polo saber" rebate aOs
grandes sabiOs da Historia, e evidencia as contradicións entre teoría e praxe
en moitas ocasións: eis o desprezo polo "traballo improdutivo", ou
traballo doméstico, común a Marx e Adam Smith. Tivo que ser a Hannah Arendt d'A
condición humana quen sinale que é este traballo, "improdutivo" e
repetitivo dxs criadxs, o que garante a liberdade dos amos (p.18). Máis adiante
aludirá Queizán á importancia do "contrato sexual" para mellor
entendermos a "naturalización" e asimilación desta división social do
traballo (p. 81), e (debate urxente e necesario) á condescendencia da esquerda
co tema da prostitución: "para a esquerda, o capitalismo non é atroz cando
o artigo de consumo é unha puta, cando o traballo alienado é cun corpo, corpo
de muller. A miseria é inaceptable en abstracto, cando se canta puño en alto,
"en pé os escravos da terra" porque eses escravos non son os corpos
que compran pene en alto" (p. 99) .
Volvendo
a Marx e demais... Queizán recupera o traballo de Arendt para pór en evidencia
este silenciamento da primeira estrutura de opresión da sociedade, do mesmo
xeito que recupera á Mary Wollstonecraft da Vindicación dos dereitos das
mulleres para botar luz sobre esoutra contradición da Ilustración: os
fundadores da democracia moderna, que proclamaban igualdade entre os homes
(entre os homes, non entre as persoas), mais aos que non lles tremeu a man para
decapitar a Olympe de Gouges, non dubidaron en manter a dicotomía entre cultura
e natureza, entre a razón pura ou práctica, reservada para os homes e o espazo
do privado, e a suposta "animalidade" das mulleres (p. 27). E, desde
logo, desmonta con moito acerto Queizán a figura patriarcal (fálica,
atreveríame a dicir) por antonomasia: Sigmund Freud, artífice dunha disciplina
que contribuíu a implantar as ideas máis reaccionarias sobre a familia, mesmo
revestíndoas de liberación e de ciencia (cando, como moi ben sinala a autora,
nin fixo traballo de campo, senón que elaborou as súas teorías a partir da súa
experiencia clínica, p. 59).
Ela
sitúase sempre no racionalismo (ás veces mesmo nun racionalismo eurocentrista
que, de tan amigo da Ilustración, remata por enfocar desde unha mirada
colonial, mais sobre isto volveremos), o que lle serve para desmontar
mistificacións románticas e esencialistas, coma as que contribuíron a asentar a
ideoloxía galeguista no século XIX (e cítase a si mesma nun traballo clave, Racionalismo
político e literario (p. 38). Carga tamén contra o esencialismo no
feminismo da diferenza, ou contra certas mistificacións nos discursos que
arrodean a maternidade (e aquí era obrigado pasar por Simone de Beauvoir, que
xa alertaba sobre a maternidade como escravitude, p. 81).
Acertada
na advertencia contra discursos mistificadores (e cumpriría revisar con
urxencia os que falan de sociedades matriarcais), se cadra esquece Queizán a
realidade da violencia obstétrica, unha forma de abuso de poder e violencia
psicolóxica e física sobre as mulleres que nos últimos anos foi (moooi aos
poucos) adquirindo visibilidade. Resulta, cando menos, confuso louvar a
cesárea, que efectivamente, salva vidas e é necesaria en moitas ocasións, nun
país cunha taxa delas moi por riba do recomendado pola OMS, onde xa están
institucionalizadas como práctica que en moitas ocasións non ten que ver coa
saúde de parturiente e neonato, senón coa maior comodidade do persoal
sanitario. De novo o corpo feminino é campo de batalla. E pode haber certo
paternalismo (maternalismo, empregaríamos neste caso?) en previr as mulleres
contra discursos naturalistas e non contra o excesivamente intervencionista,
coma se as parturientes (ou pacientes en xeral) non fosen xente adulta quen de
decidir por si propias. Do mesmo xeito, cando dedica un capítulo ao coito e,
por unha banda, alerta contra a difusión dos preservativos como
"normalizadores" da cópula, e pola outra advirte dos riscos das
enfermidades venéreas, se cadra acábase solapándose, baixo unha contradición
aparente, o argumento de fondo: buscarmos outras formas de pracer e de
relacionármonos que non sexan as que veñen "de serie" co patriarcado.
E aquí está todo por inventar...
En
resumo, como xa anticipara en "Feminismo e marxismo"(A Trabe de Ouro,
1996), sendo ambas as dúas teorías críticas, non lles queda outra que,
metodoloxicamente, revisarse continuamente. E esta capacidade de cuestionar e
rebater o que está asimilado como "natural" ou habitual debería
aplicarse tamén ao propio discurso ilustrado e científico.
A
recepción da crítica
Coma
en Escrita da certeza, Queizán presenta un ensaio certeiro, arriscado e
mesmo cargado de humor por momentos. Tamén rigoroso, e claramente posicionado.
Hai quen veu como unha pexa este posicionamento: Heitor Mera, no Faro da
Cultura do 18 de decembro do 2008 contrapón a "ideoloxía subxacente"
da autora ao rigor na exposición dos feitos e no atinado discurso histórico e
teórico. De feito, a recensión leva o subtítulo "xuízos de valor", e
remata advertindo a quen le sobre a necesidade de distinguir entre o
"teórico e o obxectivo" e "simplismos, reducionismos e xeralizacións varias cheas de
tendenciosidade innecesaria". É moi interesante esta reseña polo que ten
de "metaensaio" ou contrapunto ao que explica Queizán: por que só se
entende como ideolóxico o discurso posicionado no feminismo, é dicir, no non
canónico? É inocente e neutral o discurso "científico" clásico, ou
está atravesado polo patriarcado? Xa falaron abondo Teun A. van Dijk, Ruth
Wodak ou Norman Fairclough entroutra xente sobre a Análise Crítica do Discurso,
e non imos desenvolver aquí a súa teoría, pero non se pode analizar un discurso
e desvinculalo da praxe social, ou dito noutros termos, pretender que a total
"asepsia" ideolóxica do texto. Curiosamente, esta só molesta, chama a
atención ou a reseñamos como "panfleto" cando vén desde a crítica
feminista. Todo o "mansplaining" que atopamos nas liñas anteriores
non é ideoloxía, daquela?
Noutra
banda atopamos, nun "Lecer" do extinto xornal Galicia Hoxe do 9 de
novembro do 2008, (sen asinar), co titular "O personaxe: María Xosé
Queizán ou o feminismo", un percorrido pola traxectoria de MXQ e un
conciso pero non por iso pouco certeiro resumo de Anti Natura, póndoo en
relación coa obra anterior: "Con esta obra, Queizán dá un paso máis no seu
traballo contra o machismo e suma un novo título á súa extensa lista de
producións que, ata o de agora, xa trataron temas tan controvertidos como o da
colonización sexual das mulleres, o cuestionamento da maternidade non biolóxica
e a reflexión sobre a escrita non androcéntrica". Sendo bastante
descritiva, esta reseña anónima achega claves para a lectura, en particular
para quen non coñeza moito a autora, e (o máis interesante, se cadra por non
estar nun medio tan especializado en literatura coma os outros dous, senón
destinado ao público xeral), incita a coñecela.
No
número de ProTexta correspondente a maio do 2009, Helena Miguélez Carballeira
contrasta Anti Natura c'O natural é político de Teresa Moure,
dúas publicacións próximas no tempo na colección "Ensaio" de Xerais,
"dous textos que semellan dialogar en clave antagónica". A
investigadora sinala as diferentes posturas encontradas, tanto no tocante ao
ecoloxismo, onde Moure aplica "política de máximos", e que Queizán
"pecha con afouteza" cando di "asociar a defensa dun mundo
limpo, plácido, san.... coa condena do capitalismo, do mercado da
explotación... é o que lle permite a ese mundo alternativo considerarse de esquerdas"
(p. 66-67); como no relacionado co feminismo: sitúa a Moure no que Felski
chamou "feminismo romántico", e a Queizán na advertencia contra esta
defensa de valores "femininos" como subversión fronte ao patriarcado
polo que ten de "irracionalismo". Dá bastante ben no albo Miguélez
cando resume "Queizán busca unha redefinición da razón. Moure busca unha
alternativa". Critica tamén certo didactismo e unha "retórica
impetuosa" que leva por veces a "afirmacións histriónicas" en
ambos os dous libros. Conclúe cunha reveladora afirmación do Terry Eagleton:
"Se as ideoloxías tantas veces implican falsidades, será en parte porque a
maioría da xente non somos cínicos". Aínda compartindo simpatía por
Eagleton, estoutra lectora atopou confusa esa cita final: non acabamos de entender
a posición sobre iso que chamamos ideoloxía, nin das autoras reseñadas nin da
reseñante. Falando de ideoloxías, unha bota de menos a luz que Antonio Gramsci
(e toda a análise crítica do discurso) botou sobre o termo. Na ideoloxía
"orgánica", no "sentido común", na hexemonía, é onde se
asenta o patriarcado. Así de natural se nos presenta.
María Xosé Queizán: Anti natura, Xerais, 2008.
Do "natural" e o "ideolóxico"
Reviewed by admin
on
18:55:00
Rating:

Ningún comentario: