Questionário fou(cinha): Mercedes Leobalde

Mercedes Leobalde
1. Con que frecuencia/cantas veces che fixeron un cuestionario con preguntas machistas, estúpidas e inapropiadas como por exemplo: con que famoso compartirías toalla, que vicios non soportas da túa parella e cousas semellantes?

Nunca (aínda). Mais lembro unha entrevista telefónica na que eu contaba que non dispoñía de moito tempo para escribir nun horario disciplinado porque ademais da xornada laboral tiña dúas fillas que me requirían continuamente como taxista, e de aí a entrevistadora tirou da manga un abraiante “Ser nai é a miña segunda profesión” que colocou en letra negra tamaño 16 debaixo do titular.

2. Cantas veces te chamaron "rapaza" nun contexto literario profesional? (valen sinónimos: moza, chica, rapariga, nena, nenita...)

Non adoitan chamarme “rapaza”, “nena” nin similar, vese que cheguei tarde de máis ao mundo literario.

3. Cando foi a última vez que viches unha comedia romántica e quixeches matar alguén xusto despois?

Adoita ocorrerme máis ben durante, pero unicamente nos casos máis graves de cursilería, polo xeral teño bastante aguante. Toléroas porque che permiten facer outras cousas ao tempo: mirar o Facebook, pasar o ferro, botar unha soneca, revisar facturas, chatear, ordenar fotos, remexer no Wallapop, asar un lacón... Éche un tempiño moi aproveitado.

4. Cando foi a última vez que queimaches un suxeitador, tuneaches unha parede/estatua/estrada...?

Queimar un suxeitador, co caros que van? Nunca tal fixen!

5. Con que feminista viva ou morta non compartirías toalla?

Con ningunha morta, son escrupulosa ao respecto. Das vivas compartiríaa con calquera 
minimamente aseada.

6. Cando escribes se tes fill@s? De onde sacas o tempo?

O que máis tempo che saca non son os fillos, é a necesidade ineludible de vender o teu traballo (e o teu tempo, pois) para subsistir. Pero ben, cando as rapazas eran máis pequenas, roubáballo ao descanso e ao sono, non quedaba outra. Agora son mociñas e vanme deixando solta, así que non hai queixa. Nin escusa.

7. Escribes para mulleres, sobre "temas de mulleres" ou a crítica falou da túa obra como "literatura feminina"?

Escribo para quen me queira ler e sobre persoas, pero o certo é que de Funambulistas se ten comentado a abundancia e a forza das personaxes femininas. Logo poste a mirar e o cómputo no protagonismo dá bastante parello, mais semella que o feito de que as personaxes mulleres actúen con criterio propio, que mostren carácter e iniciativa, non deixa de chamar a atención. Haberá que insistir, a ver se nos imos afacendo...

8. Quantas vezes te aplicaram o substantivo meiga, feiticeira, fada?

Xamais, creo! Nin na intimidade (supoño que intuían que me daría a risa). Pero estou por asegurar que máis de un me ten chamado “bruxa”. “Bruxa” vale?

9. Cantas veces che preguntaron que escritorEs son unha referencia para ti?

Unhas poucas. Sempre entendín que se referían tanto a homes como a mulleres, e nese sentido respondín.

10. Cantas veces te chamaron poetisa (se escribes poesía)?

Algunha tamén. Non me molestou, entendo que procuraban corrección gramatical sen máis. De feito, se non fose pola preguiza que dan estas cousas (e máis con tanto como hai por facer!), creo que nós mesmas deberiamos retomar a palabra “poetisa” e reivindicala con orgullo ata desposuíla de toda connotación negativa, por xustiza cara ás que nos precederon. Pregúntome se ao renegarmos dela non estamos, en certa maneira, asumindo os prexuízos de todos aqueles que a cubriron de desprezo para denigrar as mulleres escritoras.

11. Qual é a personagem feminina mais patética que leste num escritorO?

En canto percibo ese cheiro cáeme o libro das mans.

12. Qual é personagem masculina mais patética que leste num escritorO?

Haiche moitos, pero o de Abraham... Que é iso de estares disposto a asasinar o teu propio fillo en sacrificio por...? Por que? Dou por feito que a Biblia a escribiron homes, claro, só así se entenden moitas cousas.

13. Um paiaso da vida real...

Pérez-Reverte. E engado en bloque todos os Berlusconis do mundo.

14. Um paiaso da vida literária...

Pérez-Reverte de novo. Ben merece a dobre mención polas súas pallasadas continuas.

15. Qual foi a última vez que che enviaram a esfregar pratos/fazer camas/passar a fregona?

Foi non hai moito, nunha rotonda, un tipo que aínda non sabía que o carril exterior ten preferencia. En realidade mandoume “á cociña”, sen máis especificación. E alá fun, a xantar, que eran horas.

16. Qual foi a última vez que exerceches de crica testemunhal no meio do nabal?

Non o lembro, hai tempo que non me ocorre. Si, polo xeral é certo que seguimos en minoría, pero iso afortunadamente vai mudando. E máis que mudará!

Comentarios