Questionário fou(cinha): María Reimóndez

María Reimóndez

1. Con que frecuencia/cantas veces che fixeron un cuestionario con preguntas machistas, estúpidas e inapropiadas como por exemplo: con que famoso compartirías toalla, que vicios non soportas da túa parella e cousas semellantes?

Pois vai parecer raro pero non me fixeron literalmente estas preguntas estrañas só unha vez senón DÚAS. O máis interesante do caso é que a segunda vez me deu para unha reflexión sobre a precariedade laboral das mulleres porque a xornalista en prácticas que estaba no xornal que publica este bonito cuestionario fixérame unha entrevista profunda e moi intelixente e logo tivo que morrer da vergoña por ter que mandarme o famoso “cuestionario de verán” que a obrigaban a meter dende o xornal. Moi interesante todo.

2. Cantas veces te chamaron "rapaza" nun contexto literario profesional?(valen sinónimos: moza, chica, rapariga, nena, nenita...)

Moitas. Agora que son doutora cada vez que me chaman “rapaza” corrixo: Doutora Reimóndez Meilán. Seguramente é o único uso práctico que lle vou dar ao doutoramento. Tamén me amola moito iso de remarcar “o nova que es”. Neste momento teño corenta anos, creo que hai moita xente máis nova ca min, é un feito empírico. Ser nova ou vella non creo que diga nada sobre o traballo literario ou intelectual que se fai e no caso dos homes non vexo eu tanto esta tendencia. Debo conter moitas veces as ganas de dicir: o señor tal (nome de quen me presenta como “que é tan nova”), que é tan vello…

3. Cando foi a última vez que viches unha comedia romántica e quixeches matar alguén xusto despois?

Apréndese moitísimo das comedias románticas aínda que prefiro persoalmente ver programas do corazón. Transmiten toda a filosofía patriarcal en pílulas de fácil consumo. Preocúpame que os feminismos lles presten tan pouca atención. Sempre penso que os formatos valen para calquera cousa. Se no Sálvame se falase de historia feminista contada con eses titulares e intrigas seriamos as donas do mundo.

4. Cando foi a última vez que queimaches un suxeitador, tuneaches unha parede/estatua/estrada...?

Aos suxeitadores eu téñolles moito respecto, xa non só polo caros que son senón porque para as que temos bastante dianteira nos facilitan moito a vida. Eu non podería correr sen suxeitador deportivo, por exemplo. Podería, pero desfacendo os músculos pectorais, quero dicir. O das estatuas xa é outro tema, pero normalmente é por iniciativas colectivas como cando quixemos vestir a Rosalía de Castro o pasado ano. Ademais a verdade é que nese caso tiven que pedirlle a Manuela, unha amiga moi deportista e licenciada en INEF, que agatuñase pola estatua arriba. Era unha cousa de alto risco e eu para as alturas non dou moito.

5. Con que feminista viva ou morta non compartirías toalla?

Coas mortas non me daría moito xeito.

6. Cando escribes se tes fill@s? De onde sacas o tempo?

A min tócame a outra cara desta historia, porque non teño fill@s. Hai pouco tempo fun cunha comercial dunha editora a un centro de ensino e, comentando que fago mil cousas e que ando sempre de arriba para abaixo, díxome: ti o que tiñas era que ter un fillo, así parabas. Eu pensei que estaba de broma pero insistiu. Resúltame tan preocupante o feito de pensar que unha non sabe o que quere (levo toda a vida co de “xa cambiarás”, a sorte de facer anos e que deixan de insistir) como o de pensar que andar dun lado para outro e facer mil cousas é indesexable nunha muller e precisa como cura dunha OCUPACIÓN que absorbe a existencia como é aquela de criar outro ser humano…

7. Escribes para mulleres, sobre "temas de mulleres" ou a crítica falou da túa obra como "literatura feminina"?

Esta é outra ladaíña recorrente das entrevistas. Eu sempre contesto que se a Manolo Rivas lle preguntan se escribe para homes, porque os seus libros están protagonizados por homes e tratan temas que lles deberían de interesar a eles.
A miña literatura preséntana moitas veces así, e sobre todo como IDEOLÓXICA. Isto é o que máis me define. As novelas de tese e as cousas ideolóxicas. De feito é tan recorrente e aburrido o asunto, tan significativo dunha maneira de ler absurda e sen criterio por parte de certa “crítica” que creo que se cadra a partir de agora só debería dar como explicación de cada libro que é unha novela de tese ideolóxica porque con iso parece que xa queda todo o mundo literario dunha explicado. O patriarcado ten estes modos e maneiras.

8. Quantas vezes te aplicaram o substantivo meiga, feiticeita, fada?

Creo que ningunha, pero non teño moi boa memoria para certo tipo de parvadas. O que si me chamou moito a atención foi como un literato nun acto de homenaxe a Luísa Villalta se dedicou non a falar doutros aspectos da súa biografía ou personalidade senón dos ollos engaiolantes que tiña (era esta palabra ou outra semellante) e que era moi sedutora. Estou agardando que alguén me indique como eran de sedutores os ollos de Castelao (vale, son malvada porque levaba lentes!), de Murguía ou de Carbalho Calero. Seguro que contribúe grandemente en entender as obras de Daniel, Manuel e Ricardo, non teño a menor dúbida.

9. Cantas veces che preguntaron que escritorEs son unha referencia para ti? 

Creo que poucas porque xa se sabe que son unha radical feminista bisexual que come homes por traumas da infancia (como me puxo un comentarista moi agudo unha vez nun artigo de prensa sobre calquera cousa non relacionada con ese “tema”). Se cadra tamén porque manifestei varias veces que dado que pasara uns vinte anos da miña vida lendo homes (por obriga moitos deles) tiña que pasar outros vinte lendo principalmente mulleres. Agora caín no vicio e de homes a verdade é que me declaro ignorante, así que rara vez sacan nada proveitoso de tal pregunta.

10. Cantas veces te chamaron poetisa (se escribes poesía)?

Infinitas. Agora recomendo “Se dice poeta” de Sofía Castañón, e aforro máis explicacións.

11. Qual é a personagem feminina mais patética que leste num escritorO? 

Son tantas que difícil é lembrar unha sequera.

12. Qual é personagem masculina mais patética que leste num escritorO?

Ídem.

13. Um paiaso da vida real...

Pobres paiasos. Sen afán de insultar, Feijóo cada día me parece máis unha figura circense.

14. Um paiaso da vida literária...

Todos aqueles que pensan que nos teñen que vir dar leccións ás escritoras de como facer as cousas e en particular aqueles que se senten ofendidos e morden cando unha sinala machismos na súa escrita, no canto de pararse a reflexionar e tentar ter discursos menos superficiais (porque aquí machista non é ninguén, deus nos libre!). Estes últimos provócanme moita ira, en particular algúns que logo utilizan postos de poder para tomar represalias, no público e no privado, contra as que alzamos a voz. Son moitos os casos xa que coñezo e destes temas case nunca se fala.

15. Qual foi a última vez que che enviaram a esfregar pratos/fazer camas/passar a fregona?

Por fortuna son totalmente indisciplinada no doméstico e se miña mai non conseguiu disciplinarme, ela que é unha pedagoga magnífica, dubido que ninguén consiga nada.

16. Qual foi a última vez que exerceches de crica testemunhal no meio do nabal? 

Hai moi pouco nun congreso sobre estudos galegos nos Estados Unidos onde se convidou a unha delegación galega e ao final (sei que convidaran a outra autora, pero non veu) fun a única muller. É unha situación indesexable, ao final abúrreste de ter que poñer sempre os puntos sobre os mesmos is e de sentir que tes que representar a todas as escritoras (ou o que sexa) do planeta galego cando cada unha, por fortuna, temos a nosa voz e pensamento. Estas situacións e os todos pirolos son tan frecuentes que xa non sabe unha se rir ou chorar. Polo de agora tiro máis polo de rir. E traballar para ampliar espazos. Se me chaman de crica testemuñal aproveito e menciono aínda máis mulleres, para que polo menos saiban que aínda que só vén un corpo, somos moitas e diversas e que se cadra está ben poñer en evidencia e facer pasar vergoña a quen organiza unha vez para que a seguinte non teñamos que falar só de referencias e outras poidan estar tamén presentes.

Comentarios