Questionário fou (cinha): Arancha Nogueira

Arancha Nogueira

1. Con que frecuencia/cantas veces che fixeron un cuestionario con preguntas machistas, estúpidas e inapropiadas como por exemplo: con que famoso compartirías toalla, que vicios non soportas da túa parella e cousas semellantes?

Nunca (por agora non me fan tantos cuestionarios, que lle imos facer).

2. Cantas veces te chamaron "rapaza" nun contexto literario profesional? (valen sinónimos: moza, chica, rapariga, nena, nenita...)

Todo o tempo! Tamén nos medios de comunicación. Houbo un momento da miña vida no que pensei que a miña cara de nena tiña algo que ver co asunto, pero pronto me decatei de que entre pouco e nada.

3. Cando foi a última vez que viches unha comedia romántica e quixeches matar alguén xusto despois?

A semana pasada. Era sábado, facía calor e decidín ficar na casa pola noite vendo o típico 
filme de TVE para persoas que non teñen vida social os sábados. Resultou ser unha comedia romántica chamada Las leyes de la atracción, con Pierce Brosnan e Julianne Moore. Recoñezo que se a rematei deixando de fondo é porque Julianne Moore me encanta. Lamentabelmente, como non podía ser doutro xeito, rematei querendo matar a alguén: en concreto aos guionistas, productores e director que lle adxudicaran un papel de avogada de éxito que perde o cu, os obxectivos vitais e, en definitiva, a dignidade, polo estúpido de Pierce Brosnan. Non contentos con iso, abusaba de moitos lugares comúns sobre Irlanda. Un fail.

4. Cando foi a última vez que queimaches un suxeitador, tuneaches unha parede/estatua/estrada...?

Hai aproximadamente un mes, co gallo da semana do Orgullo. Unhas compañeiras do Centro Social A Galleira e eu enchemos as estatuas de insignes escritores da Xeración Nós con bufandas das cores da bandeira LGTBIQ. Foi divertísimo. Creo que debería facelo máis amiúdo.

5. Con que feminista viva ou morta non compartirías toalla?

Pode que con Hélène Cixous. Morrería de vergoña ao confesarlle o espeso que se me fixo O riso da medusa. E, por cuestión de simpatías, non compartiría toalla con ningunha chamada feminista que non respectase o bo trato e o respecto ás súas compañeiras. Sen sororidade non hai revolución.

6. Cando escribes se tes fill@s? De onde sacas o tempo?

Non teño fillxs e aínda así non teño tempo para escribir. Non sei que faría se se dese o caso, pero de certo non sería tarefa fácil.

7. Escribes para mulleres, sobre "temas de mulleres" ou a crítica falou da túa obra como "literatura feminina"?

“Temas de mulleres” foi o máis repetido. A miña obra é abertamente feminista, reivindicativa, mais tamén moi íntima, o cal a converte no perfecto prato de “esas cousas que lle importan ás mulleres: pedir dereitos e chorar”, polo menos desde o punto de vista do público (masculino, enténdese).

8. Quantas vezes te aplicaram o substantivo meiga, feiticeita, fada?

Probabelmente algunha, aínda que como a Susana Aríns e a Lara Rozados coido que o termo máis empregado foi “bruxa”, e non me molesta en absoluto. Son partidaria de apropiarnos das palabras de escarnio e facelas nosas, máis se son significantes lindos aos que se lles deu unha volta machirula. Súmome ao aquelarre!

9. Cantas veces che preguntaron que escritorEs son unha referencia para ti?

Constantemente. En calquera contexto, literario ou extraliterario. Entregas de premios, recitais... ou mesmo a primeira vez que alguén se entera de que escribo. É a pregunta chave.

Cando remato contestando escritoras a resposta adoita ser un ollar condescendente de “xa, así que feminista...”.

10. Cantas veces te chamaron poetisa (se escribes poesía)?

Innumerábeis! Desde aquí mando un saúdo ao meu amigo Roberto co que sigo tentando facer pedagoxía do termo.

11. Qual é a personagem feminina mais patética que leste num escritorO?

Pois, a bote pronto, Estella de Grandes Esperanzas de Charles Dickens. Estúpida, superficial, clasista e, con todo, sen carisma. Non evolúe ao longo dunha novela longa que pasa por moitísimos estadios. E porén, Pip segue desexándoa, como se desexa unha xoia, un premio.

Menudo parvo. Pero iso xa é outra historia...

12. Qual é personagem masculina mais patética que leste num escritorO?

Non sei se a definiría como patética, pero si como soberanamente aburrida. Siddhartha. E si, formo parte dese grupo de persoas ás que Herman Hesse non lles cambiou a vida.

13. Um paiaso da vida real...

Centos. E precisamente pola deturpación da palabra – falabamos antes de bruxa – gostaría de apuntar que para min o oficio do paiaso non é só digno senón necesario. Tan fundamental facer rir... Por pór algún en destaque, sinalaría aos compoñentes do Circo dos Muchachos de Bemposta, que desde o seu imperio do riso loitan por salvar o seu oquiño de utopía dos intereses especuladores.

14. Um paiaso da vida literária...

Podería dicir Pérez Reverte, ou Vargas Llosa. Pero lamentabelmente hai tantos máis...

15. Qual foi a última vez que che enviaram a esfregar pratos/fazer camas/passar a fregona?

Onte. Nunha conversa “en broma” cuns compañeiros. Adoita ser unha saída habitual a 
pequenos ataques sen importancia, pullas; a cuestión é que poucas veces se decatan de que ás afectadas non nos fai a máis mínima graza.

16. Qual foi a última vez que exerceches de crica testemunhal no meio do nabal?

Soa no medio do nabal, moitas veces. A última haberá unhas dúas semanas. En organizacións, en asembleas, en representacións públicas. Pero testemuñal, poucas.

Comentarios