Questionário fou(cinha): María Solar

SECCIÓN: A SEGA DO VERÁN. En homenaxe ás entrevistas estivais dos xornais

María Solar

1. Con que frecuencia/cantas veces che fixeron un cuestionario con preguntas machistas, estúpidas e inapropiadas como por exemplo: con que famoso compartirías toalla, que vicios non soportas da túa parella e cousas semellantes?

Se son sincera non lembro ter respondido a nada así. Teño feito poucos cuestionarios.

2. Cantas veces te chamaron "rapaza" nun contexto literario profesional?(valen sinónimos: moza, chica, rapariga, nena, nenita…)

No contexto literario non acostuma a pasarme, que eu sexa consciente, agás nalgunha contada ocasión, é moito máis frecuente na miña vida laboral como xornalista e presentadora. Teño terminado algún acto difícil de facer, que esixe grande profesionalidade, e que ao rematar alguén se achegue, non para dicirche o ben que o fixeches, senón o “guapa”que estás. E si me molesta porque a un presentador non creo que llo dixeran, e porque estás alí traballando, non de floreiro. 

3. Cando foi a última vez que viches unha comedia romántica e quixeches matar alguén xusto despois?

Moitas veces, hai películas que non só reflicten estereotípos románticos, se non que fan dano amosando uns roles atroces que ningunha muller debera aceptar. O tema é o de sempre, tantos os programas como o cine dependen da audiencia, é tan fácil desfacerse deles como negarlles a audiencia, aí está a reflexión. Hai que educar a unha xeración crítica.

4. Cando foi a última vez que queimaches un suxeitador, tuneaches unha parede/estatua/estrada,...?

Creo que nunca fixen ningunha desas cousas. 

5. Con que feminista viva ou morta non compartirías toalla?

Eu compartiría toalla con calquera, son sociable e gústame coñecer a opinión de todos, outra cousa é se despois discutiamos nela ou non. 

6. Cando escribes se tes fill@s? De onde sacas o tempo?

Cando escribes e tes fillos, e tes unha nai moi maior, e traballo fóra da escritura, e vida social… escribes cando podes. Eu aprendín a non roubarlle nunca tempo aos fillos, porque medran tan rápido que non quero perder de estar con eles, pero coa miña parella si que chego a acordos para escribir. E él enténdeo como parte de min.

7. Escribes para mulleres, sobre "temas de mulleres" ou a crítica falou da túa obra como "literatura feminina"?

Nunca me dixeron que escribira para mulleres, aínda que o temía un pouco agora que escribín “As horas roubadas” un libro dedicado ás mulleres de finais da transición que romperon as súas ataduras. Dediqueillo ás que fixeron pequenas revolucións domésticas. Porque os grandes cambios tamén dependen de moitos cambios pequenos. Pero si acontece que o gran público lector son as mulleres. As mulleres lemos mil veces máis que os homes, o que non quere dicir que teñamos que ler sobre “temas para mulleres”, iso ten unha connotación que me espanta.

8. Quantas vezes te aplicaram o substantivo meiga, feiticeita, fada?

Nunca me pasou.

9. Cantas veces che preguntaron que escritorEs son unha referencia para ti?

Creo que sempre. 

10. Cantas veces te chamaron poetisa (se escribes poesía)?

Non fago poesía.

11. Qual é a personagem feminina mais patética que leste num escritorO? 12. Qual é personagem masculina mais patética que leste num escritorO?

Vou responder a estas dúas cuestións xuntas. Nun libro pode aparecer calquera tipo de personaxe, non me preocupa tanto que saian como o fin polo que saen. Ti podes contar a historia dunha muller subiugada que vive sen vida propia só entregada a unha parella, e pode ser constructivo si se fai para que o lector pense e sexa crítico. O problema é cos personaxes que se constrúen desde os máis noxentos e daninos roles e promoven a súa permanencia.

13. Um paiaso da vida real…

Violadores en festas amparados polo alcohol e a multitude; persoas que xustifican o inxustificable; homes e mulleres que predican o feminismo e viven nos máis absurdos roles de xénero; maltratadores; quen xulga polo aspecto; ou simplemente (e isto é frecuente) quen practica todos eses micromachismos diarios (consentidos e ignorados) como verte tomar café ou comer cun amigo e xa tedes que estar liados porque unha muller e un home parece que non poden ter relacións de amizade… e así ata o infinito, hai moitas paiasadas das que estou farta.

14. Um paiaso da vida literária...

Calquera escritor ou escritora que defenda valores que atentan contra a liberdade das persoas.

15. Qual foi a última vez que che enviaram a esfregar pratos/fazer camas/passar a fregona?

Non lembro tan cousa.

16. Qual foi a última vez que exerceches de crica testemunhal no meio do nabal?

Pasa algunha vez que estás nun acto para cumprir a cuota feminina e aínda que non cho din, nótase. Cando iso acontece gústame brillar todo o que sexa capaz e poida, e que boten en falta ter máis

Comentarios