Questionário fou(cinha): María N. Soutelo

María N. Soutelo

1. Con que frecuencia/cantas veces che fixeron un cuestionario con preguntas machistas, estúpidas e inapropiadas como por exemplo: con que famoso compartirías toalla, que vicios non soportas da túa parella e cousas semellantes?

Ata o de agora, coido que ningunha, non nun cuestionario, alomenos. Pero… ó tempo.

2. Cantas veces te chamaron "rapaza" nun contexto literario profesional?(valen sinónimos: moza, chica, rapariga, nena, nenita...)

Que eu poida lembrar, unhas cantas. Aínda ben, polo diminutivo do meu nome ou do meu primeiro apelido. Procuro non ter en conta ese tipo de tratamento condescendente, porque soe dicir máis de quen o emprega que sobre quen recae.

3. Cando foi a última vez que viches unha comedia romántica e quixeches matar alguén xusto despois?

As comedias románticas danme unha urticaria tal que procuro evitalas con todas as miñas forzas. Son insultantes. No que respecta ás ansias de matar… procuro evitalas con todas as miñas forzas tamén.

4. Cando foi a última vez que queimaches un suxeitador, tuneaches unha parede/estatua/estrada...?

Estou facendo acopio de mistos. Paciencia.

5. Con que feminista viva ou morta non compartirías toalla?

Coa que asimila Feminismo con sectarismo. Coa que fala de sororidade, pero usa outras mulleres como sparring.

6. Cando escribes se tes fill@s? De onde sacas o tempo?

Non teño fillxs. E, se teño tempo, adícoo máis á lectura que á escritura últimamente. 

7. Escribes para mulleres, sobre "temas de mulleres" ou a crítica falou da túa obra como "literatura feminina"? 

Escribo para quen queira ler(me). Pero si é certo que, ós poucos, voume centrando máis no público feminino. Non para tratar “temas de mulleres” entendido dende un punto de vista masculino (ese pequeno espazo rosa e cursi, cheo de beleza, sentimentos puros e sen reivindicacións que pretenden endilgarnos os escritoros…), pero si aquilo que nos preocupa, nos atinxe e nos move (ou debería movernos) como parte implicada nun sistema social e cultural claramente machista.

8. Quantas vezes te aplicaram o substantivo meiga, feiticeita, fada?

Ui, unha chea de veces. Que risa. E non. Cada vez que o escoito, penso en tempos peores para nós. Ardendo. Físicamente. Agora, árdennos de moitas outras formas igual de daniñas pero máis sutís.

9. Cantas veces che preguntaron que escritorEs son unha referencia para ti? 

Cada vez que mo pregunta(ro)n, contesto/ei con outra pregunta. 

10. Cantas veces te chamaron poetisa (se escribes poesía)?

Unhas cantas. Pero dise poeta. Encárgome ben de recordarllo.

11. Qual é a personagem feminina mais patética que leste num escritorO? 

Penso en varias. Pero, curiosamente, as máis patéticas que me veñen á cabeza agora mesmo son personaxes femininas creadas por escritoras: Bella da saga Crepúsculo (Stephenie Meyer), Coco de Shanghai Baby (Wei Hui),… 

12. Qual é personagem masculina mais patética que leste num escritorO?

Georges Duroy, protagonista do Bel Ami de Guy de Maupassant. Patético e repugnante.

13. Um paiaso da vida real...

Uf. Só un? O certo é que, pensándoo ben, é sempre o mesmo pallaso, pero con nomes e anatomías diferentes. Aínda ben, se hai que escoller un, digo o macho feminista de esquerdas.

14. Um paiaso da vida literária...

Os supermachos da literatura romántica. O protagonista dunha insufrible saga ultramegapublicitada. Fáltanme dedos nas mans para contalos.

15. Qual foi a última vez que che enviaram a esfregar pratos/fazer camas/passar a fregona?

Non hai moito. Peineta.

16. Qual foi a última vez que exerceches de crica testemunhal no meio do nabal? 

De cañas cos meus compañeiros iudocas. Testemuñal, pero moi respectada.

Comentarios