Questionário fou(cinha): Lara Rozados

Lara Rozados

1. Con que frecuencia/cantas veces che fixeron un cuestionario con preguntas machistas, estúpidas e inapropiadas como por exemplo: con que famoso compartirías toalla, que vicios non soportas da túa parella e cousas semellantes?

Este é o terceiro ou cuarto cuestionario que respondo e até o de agora tiven sorte, non me preguntaron parvadas.

2. Cantas veces te chamaron "rapaza" nun contexto literario profesional?(valen sinónimos: moza, chica, rapariga, nena, nenita...)

Uf, varias veces (“chavalita” incluído). Agora tamén “abuela”, polo meu atraso tecnolóxico.

3. Cando foi a última vez que viches unha comedia romántica e quixeches matar alguén xusto despois?

Non teño televisor e vou moi pouco ao cine desde que naceu a miña filla (e xa antes, tampouco vía eu un cine moi convencional). Pero abonda con calquera cachiño de calquera programa que pille nun bar ou na casa da avoa para querer non digo matar, pero unhas hostias…

4. Cando foi a última vez que queimaches un suxeitador, tuneaches unha parede/estatua/estrada...? 

Cadro con María Alonso, os suxeitadores van caros de máis para andalos queimando… O mellor é xa nin pólos. En canto a “tunear” cousas, da última parede / escaparate de Pronovias pasaron bastantes anos… Agora pasei do spray ao boli, máis discreto. O meu último “tuneo” foi hai un par de meses nunha sala de espera do SERGAS, nun cartel onde indicaba que agardásemos a chamada “do noso médico ou enfermeira”. Puxen “E logo non hai médicAs nin enfermeirOs?”

5. Con que feminista viva ou morta non compartirías toalla?

Non se me ocorre, a verdade. Con Alexandra Kollontai ou Angela Davis, por dicir as miñas “ídolas” non a compartiría, colectivizaríaa. Con todas en xeral pasaría de toalla (coma o dos sosténs, para que queimalos podendo evitalos?), a rebozármonos na area/herba, que é máis divertido.

6. Cando escribes se tes fill@s? De onde sacas o tempo?

Das súas sestas, ou das noites mentres dorme. Tempo para escribir, para ler… Para todo! Este cuestionario está respondido mentres xoga co seu pai, pero só pode pasar tal cousa os domingos… Así que son o meu día máis produtivo, ao final.

7. Escribes para mulleres, sobre "temas de mulleres" ou a crítica falou da túa obra como "literatura feminina"?

Non se deu o caso. Si que me comentaron que o meu único poemario editado até a data non era moi “explicitamente feminista”. Non é moi “explicitamente nada”, di moitas cousas sen dicilas, non hai metáforas nin adxectivos, pero é todo subtexto. Despois xa me fixo Eli Ríos unha reseña na Sega e xa quedei tranquila :-)

8. Quantas vezes te aplicaram o substantivo meiga, feiticeita, fada?

Coma a Susana Arins, eu penso que me chamaron máis veces “bruxa” (e adoro autodenominarme bruxa, ou aquela frase de “somos as netas das bruxas que non puidestes queimar…”). Cando facemos un aquelarre?

9. Cantas veces che preguntaron que escritorEs son unha referencia para ti? 

Mmmm, ía dicir ninguna, pero si, preguntáronme por “referentes creativos”. Eu pasei o xenérico masculino polo arco do triunfo e incluín mulleres na resposta

10. Cantas veces te chamaron poetisa (se escribes poesía)?

Unhas cantas, máis das que esperaba, a verdade.

11. Qual é a personagem feminina mais patética que leste num escritorO? 

Lembro que hai uns anos Xosé Carlos Caneiro tentara facer algo con Madame Bovary. Que necesidade había? Xa á orixinal lle chegaba ben, pero, Cristo bendito… 

12. Qual é personagem masculina mais patética que leste num escritorO?

Valen voces poéticas e suxeitos líricos? Aquí estou moi do fígado con violadores enxalzados, que na nosa literatura hai uns cantos, empezando polo do poema pondaliano de “Pilleina antr’os pinos soa”. E despois xa nin o lin, porque despois da reseña na Sega decidín que o meu nivel de masoquismo non é tanto, pero chegoume co pouco que fun vendo da voz narrativa de “Amor é unha palabra como outra calquera”, de Francisco Castro. Non sei se me cabrea máis o personaxe (feminino) ou a voz narrativa (inequivocamente masculina), neste caso…

13. Um paiaso da vida real...

Respecto moito o oficio de pallas@! Traballo con algún/ha(s) que agora andan polo Brasil actuando nas retomadas do Movemento Sem Terra e apoiando ás comunidades indíxenas, e xa estiveron nos campos de refuxiadas de Idomeni ou en Palestina, ou fixen obradoiros con algunha pallasa que xa estivo disfrazada de home nalgún contexto rural galego, que tamén ten o seu risco, coma Natalia Outeiro “Pajarito”. Iván Prado, Peter Punk… Greice Miotello e outras clowns de Traço ou de Palhaça sem lona… Hai moit@s e moi dign@s pallas@s da vida real. Ogallá houbese moit@s máis pallas@s en política e menos polític@s profesionais facendo o pallaso, como di o Leo Bassi… Iso si que é intrusismo!

14. Um paiaso da vida literaria…

Nesa liña, Roberto Vidal Bolaño non tiña reparos en pór o nariz vermello. 

15. Qual foi a última vez que che enviaram a esfregar pratos/fazer camas/passar a fregona?

Non me pasou tal desde hai moito, moito tempo (cando menos a min, individualmente, aos colectivos feministas mándannos fregar seguido, coma se fose  unha deshonra, ou algo así…) A resposta de Ada Colau a Azúa fora boísima!

16. Qual foi a última vez que exerceches de crica testemunhal no meio do nabal? 

Tenme pasado nalgún traballo (na redacción de Vieiros por un tempo estivemos catro homes e mais eu), ou colectivo. Sabedes que detecto? Que como escribo “cousas así feministas” decote adoitan pórme “na mesa de xénero / das chicas” en simposios e cousas polo estilo.

Comentarios