Questionário fou(cinha): Eli Ríos

Eli Ríos

1. Con que frecuencia/cantas veces che fixeron un cuestionario con preguntas machistas, estúpidas e inapropiadas como por exemplo: con que famoso compartirías toalla, que vicios non soportas da túa parella e cousas semellantes? 

Se fose de ciencias diría o 99,9999 % das veces. Adoro (modo ironía: on) esa de onde me vén a inspiración ou as musas... Vese que as mulleres aínda precisamos externalizar a nosa escrita porque a intelixencia non é algo de noso...

2. Cantas veces te chamaron "rapaza" nun contexto literario profesional?(valen sinónimos: moza, chica, rapariga, nena, nenita...)

Como unha xa ten unha idade o sinónimo é muller. Así sen nome. Se fose de ciencias diría o 99,9999 % das veces. 

3. Cando foi a última vez que viches unha comedia romántica e quixeches matar alguén xusto despois?

Non vexo comedias románticas. Prefiro Game of Thrones... Para quen viu a última tempada xa sabe a que me refiro...

4. Cando foi a última vez que queimaches un suxeitador, tuneaches unha parede/estatua/estrada...?

Creo que a última foi con Ánxela Lema cando lle puxemos unha bufanda no pescozo a Rosalía de Castro na estatua que ten na Coruña. 

5. Con que feminista viva ou morta non compartirías toalla?

Coas mortas con ningunha por aquilo da hixiene e tal. Coas vivas imaxino que compartiría con calquera porque ata coas que non cadras podes ter un debate interesante.

6. Cando escribes se tes fill@s? De onde sacas o tempo?

Desta pregunta sempre saco tres conclusións sobre a persoa que as fai:
a) Cando les un texto escrito por unha muller só es capaz de imaxinar un recipiente reproductivo que contratou unha musa para que lle escribise o texto.
b) Seguro que te preguntas desde cando as mulleres gozan de tempo de lecer e abandonaron o coidado das crianzas e maiores?
c) Vese que os reloxos para mulleres non miden o tempo igual que para o resto dos mortais.

7. Escribes para mulleres, sobre "temas de mulleres" ou a crítica falou da túa obra como "literatura feminina"?

Se fose de ciencias diría o 100% das veces. 

8. Quantas vezes te aplicaram o substantivo meiga, feiticeira, fada?

Pois debe ser que non dou o perfil porque ningunha.

9. Cantas veces che preguntaron que escritorEs son unha referencia para ti? 

Se fose de ciencias diría o 99,9999% das veces. E o peor é que cando mencionas, por exemplo, 15 autoras e un autor, nas entrevistas só sae o autor...

10. Cantas veces te chamaron poetisa (se escribes poesía)?

Se fose de ciencias diría o 99,9999% das veces. Incluso, nalgunha entrevista, pedín que non se usase o termo poetisa e houbo algunha palabra subida de ton para tentar convencerme do errada que estaba.

11. Qual é a personagem feminina mais patética que leste num escritorO? 

Non lembro nin nome nin título do libro. Nunha consulta había un libro alí enriba da mesiña da sala de espera e collino (se estivera quietiña gañaba máis...). A protagonista era algo así como a feminista subversiva, a ovella negra da familia e avogaba por cousas tan relevantes como que está mal que un home lle bata á muller sempre que ela non o provoque antes...

12. Qual é personagem masculina mais patética que leste num escritorO?

Todas as mainsplainer, todas as que conlevan un espazo no que só hai testosterona, todas as que continúan mantendo este sistema coa escusa de que só reproducen a realidade, todas as que recollen a inxustiza e só a condenan de palabra para, despois, cos actos colaborar activamente a non cambiar nada... Igual acabábamos antes se a pregunta fose ao revés...

13. Um paiaso da vida real...

Todos aqueles que se achegan con paternalismos, preguntas deste tipo ou con vontade de "iluminar" a vida e a obra dos "seres inferiores". Non cito un porque deixaría fóra unha boa morea de paiasos.

14. Um paiaso da vida literária...

Remito á anterior porque os paiasos da vida real deixan a mesma pegada na vida literária. 

15. Qual foi a última vez que che enviaram a esfregar pratos/fazer camas/passar a fregona?

Aínda está por acontecer visto como está a eira...

16. Qual foi a última vez que exerceches de crica testemunhal no meio do nabal? 

Hai un mes nun congreso. Tan testemuñal que o nabal comeu o tempo que tiña para falar e, cando tocou a vez, a persoa da organización sinalou o reloxo, desde o público, para indicarme que fose o máis breve posible.

Comentarios