![]() |
Foto: Paula Gómez del Valle |
Por Eli Ríos
Como estes días
anda tanto na moda o concepto de narrador mainsplainer, ou "home
explicador"[1],
recoñezo que comecei esta novela procurando marcas de xénero masculino e...
quedei gratamente sorprendida! Ata a última páxina! Só me incomodou un
chisquiño o feito de que, en varias ocasións, se referise á protagonista como
"a neria", pero, dándolle unhas voltas, concluín que,
estilisticamente, non só é necesario senón imprescindible. Ou iso ou os
deícticos ían ser unha tortura á hora de ler.
Recoñezo, tamén,
que cando rematei a lectura tiña unha curiosidade case animal por coñecer a
recepción desta obra e aló me lancei á rede. Oh, oh, oh! Sorpresa... Un par de
críticas bastante destrutivas sobre o concepto do amor presentado nesta novela
e unha boa morea de recomendacións de lectura nas revistas feitas por alumnas e
alumnos de Secundaria. Sorpresa, pero
non estrañeza. Por que? Imos ao allo!
Alaia, unha moza da tribo dos nerios, ten que abandonar o seu castro natal para ir traballar á cidade de Thaladé, construída enriba do bravo Mar Poñente. Alí coñecerá a crueldade dos amos e as contradicións da mal chamada civilización, mais tamén descubrirá o maior dos segredos que gardan os seus túneles ancestrais. Así e todo, a mais grande aventura de Alaia será coñecer ese prodixioso misterio que se agocha no corazón do ser humano: o amor verdadeiro.[2]
A protagonista,
Alaia, non só é parte activa da acción, e das solucións aos problemas, senón
que tamén "carece" desa feminidade- sexi, inócua e aparvada- que se
nos supón- insistentemente- ás mulleres nas novelas de acción. Alaia "era boa amañando aparellos de pesca e
prendendo o lume, mais aínda era mellor subindo ás árbores, espichando
rodaballos nun arpón e loitando cos mozos da aldea con paus e pedras" (p.10-11).
Incluso, prestade moita atención, cando o pobo nerio decide organizar a fuxida
da situación de escravitude, Alaia presenta unha característica insólita: a
intelixencia!!! Coa habelencia da mellor estratega, Alaia, argalla un plan e
valora todos os aspectos del. Desde os puntos febles ata os que teñen máis
posibilidade de éxito, corrixe e propón novas escapatorias.
E unha
adolescente con estas características ( tan pouco atractivas nunha producción
literaria falocéntrica) pode encontrar alguén que a queira? Pois si! Tálice,
unha moza taladiana, e a criada neria, Alaia, van namorar. E van namorar desde
os afectos, desde a sororidade, desde a complicidade. E é precisamente esta
unha parte que me pareceu un auténtico acerto na novela.
Unha das
críticas que lin cargaba, precisamente, contra a linguaxe usada nas escenas de
amor... por que? por que é facil asimilar un "miña ruliña", por
exemplo, nunha ficción na que un home namora cunha muller, pero non neste caso?
acaso non existe o cariño entre dúas rapazas? ou é que o amor das rapazas
suponse que debería ser con palabras agresivas ou malsoantes? Para min, é un
auténtico acerto, repito, o coñecemento
que demostra o autor do léxico xuvenil e a naturalidade coa que o aplica neste
texto. Para min, tripito, é un auténtico acerto crear un referente e un corpus
amoroso baseado na positividade e nos afectos. Sobre todo cando estamos tan
faltas, na narrativa xuvenil, deste tipo de referentes. E máis na narrativa
fantástica!
Outro tipo de
narradores son posibles na ficción como é o caso e... aínda máis... Non
procuredes aquí unha obra didáctica porque nada máis lonxe da realidade. Todo o
comentado acae na narración cunha naturalidade nada artificial e o galego
coidadísimo fan de Alaia e a deusa unha novela para desfrutar desde a
primeira páxina ata a última. Si. Ata a última porque o xiro do final... (ata
aquí podo ler)
Tomás González Ahola: Alaia e a deusa, Urco, 2014.
Alaia e a deusa
Reviewed by admin
on
09:03:00
Rating:

Ningún comentario: