![]() |
Imaxe: Lara Rozados |
Por Eli Ríos
Seique a poesía é esa expresión artística onde se manifestan
sentimentos, pero que acontece cando ese sentir privado da poeta atinxe o político?
Pois, como ben afirmou o xurado do VII Certame de Poesía Victoriano Taibo sobre
o Caderno amarelo de Lara Rozados, agroma unha "radiografía
xeracional" na que se prescinde do eu como suxeito para convertelo nun
plural do que todas formamos parte. A poesía transfórmase nunha ferramenta de
expresión das rúas, das súas xentes, do colectivo, do hoxe, do aquí e do agora.
Sen adornos e cunha linguaxe clara. Sen eufemismos. Poemas contundentes dun
tempo precario, agresivo e inzado políticas discriminatorias e dominantes. Si,
o persoal é político tamén.
O Caderno amarelo parte do cotián, das cousas
concretas que vivimos ou vemos. A poeta enfoca, aporta un gran de luz e fixa a
atención nunha notícia dun xornal, nunha carta, nun insomnio, nun silencio,...,
e, quen lemos, descartamos a posibilidade da inverosimilitude porque todas
coñecemos un Birama, ese desacougo que nos impide durmir("aproveitaremos
tamén/ o insomnio/ para destecermos as arañeiras", ( p.37), esa
incerteza laboral( "Buscamos unha liña de fuga/ que nos permita vivir/
sen termos que vender seguros/ a porta fría", ( p.45) ou tentamos
"acalmar o proído/ con menta brava"( p.55). Incluso, si,
incluso, gardamos na memoria a "dúas adolescentes/ enforcadas/ e antes
violadas/ en Uttar Pradesh"( p 41) porque sabemos, e somos
conscientes, que a primeira dominación vén dada pola estrutura da familia
patriarcal. Na infancia e máis alá porque as relacións interxeracionais danse
no eido da desigualdade. E sobre un sistema de dominación sexual apóianse xerarquías,
élites ou dominacións de raza e clase. A opresión no seu sentido máis amplo. O
control sexual, económico ou psicolóxico onde " o peor é que poden
deixar claro,/ por riba de todo, que eles poden./ Ti nunca podes
nada." (p.54) e " Queremos
marchar/ e non sabemos onde"( p.46), pero non o faremos, non...
porque, a pesar de non ter diñeiro nunha cultura do diñeiro, de ler " as
noticías do xornal/ a reproduciren a neo lingua" ( p. 29), de que os
nosos sentimentos sexan " transcritos/ en castelán"( p.35) ou
que as violencias e agresividades pretendan inventar privilexios... nós sabemos
que " o único que non é real/ é o muro" ( p.30) e a visión do
trauma non fai máis que revolvernos. A fendedura pola que entra de novo o aire.
O Caderno amarelo arrepón, como nosoutras, o xenio
ante a inxustiza. E non somos as únicas porque xa " así o dicía Billie/
Nunca acougamos/ Algo proe aquí, / no fondo." ( p.48) e estamos/somos
" No camiño, sempre. / Compañeir@s de viaxe" (p.20).
Comentarios
Publicar un comentario