![]() |
María Xosé Queizán |
JE SUIS…
Manifesto d’A Sega para a celebración do
III DÍA DAS GALEGAS NAS LETRAS
Para o
patriarcado as treboadas teñen nome de muller. Ao patriarcado dálle medo o
vento, a choiva e os eventos da terra e do mar. Mais nosoutras gardamos no noso
seo un trebón, unha forza da natureza, pero totalmente racional. Un trebón que
nos pensou para podernos logo repensar. Unha voz que non admite xustillos, que
os habitou e os rachou todos, incluídos os máis duros.
Se algunha de nós
pode sentir a violencia do privado que os homes da cultura levan ao espazo
público é ela. Os silencios, as exclusións, as insinuacións e as infamias que
ela encheu de luz cunha voz firme e controvertido, total e iconoclasta. Case
todos os séculos foron algo escuros para ela porque a sombra patriarcal non
acepta francotiradoras. Mais nosoutras si.
Nosoutras habémonos
deixar arrastrar pola forza dos ventos, caer nas catástrofes que ela crea e nas
redencións marabillosas que nos outorga para sementar e multiplicar a súa obra
inmensa e vizosa. Aprendemos dela, que devolve cada agravio cunha palabra
certeira, cunha reflexión, cunha obra universal porque nada do que acontece lle
é indiferente. Ela devolve cada agravio cunha palmada, co ritmo dun rap, cun
baile e cunha festa.
Antes de que
fósemos modernas e falásemos do queer
ela xa escribira vidas trans, lésbicas, fóra de ningún canon. Antes da
reflexión sobre as reescritas ela regresara a Antígona, a Medea. Antes das
intertextualidades ela puxera a orella no buraco para escoitar falas doutros
lugares. Catou moitas bandeiras pero só para pasalas -con perdón- polo seu soberano
cu e seguir sendo irreverentemente quen ela é.
Nun momento no
que as bandeiras, a egalitè-libertè-fraternitè, as nacións e os estados se usan
adoito para calquera cousa menos para acabar co patriarcado, nosoutras, coma
ela, facemos do noso cu un pandeiro e subvertemos o aberrante JE SUIS pola
causa das mulleres. Porque se temos que ser alguén, seremos MARÍA XOSÉ QUEIZÁN
ou non seremos ninguén.
>> Máis información sobre o Día das Galegas nas Letras
>> Máis información sobre o Día das Galegas nas Letras
III Día das Galegas nas Letras: 'Je suis...'
Reviewed by admin
on
10:56:00
Rating:

Ningún comentario: