SEGADORAS X SEGADORAS
![]() |
Fotograma de Todas as mulleres que fun. |
Por Eli Ríos
Andrea Nunes e Raquel Rei crean no 2008 o grupo
poético-musical As Candongas do Quirombo
a través do cal xeran as imaxes que acompañan este poemario.
Podería destacar a importancia desta creatividade
experimental na que a poesía escrita se reinventa impresa en sucesivos
fotogramas. Podería, tamén, falar da intertextualidade (María do Cebreiro,
Chus Pato, Ana Romaní…) coa que, a autora, xoga deconstruíndo o suxeito para
erixir outro colectivo feminino como quen tece un fío tras outro até chegar á
peza final: un poemario-matria. Podería, sen dúbida, ademais, chamar a atención
sobre a temática na que o mundo simbólico se alza ben lonxe do capitalismo, da
falta de consciencia ecolóxica e a contrafío do sometemento. Podería,
filoloxicamente falando, analizar os recursos e técnicas que a poeta domina á
perfección para artellar, páxina a páxina, un poemario como Todas as mulleres que fun.
Podería facer todo o anterior pero… non quero! Porque hai
escritas que nos abren portas a moitas persoas que experimentamos esta forma de
expresión artística. E, este, é o caso.
Xa sabemos que aquilo que non se representa non existe.
Entón, se desexamos visibilizar a figura da muller podemos colocala como
protagonista e suxeito do texto. A idea estaría ben se non fose porque a
linguaxe é falocéntrica nas propias estruturas, é dicir, esa hipotética
relación binaria nos xéneros, ao final, non é máis do que unha clara estrataxema
que exclúe o feminino. O poemario de Andrea Nunes é devastador nese sentido: o
imaxinario masculinista non existe!
Todas as mulleres que fun son historias de mulleres contadas por esas mesmas
mulleres cunha linguaxe emancipadora sen filtros de ningún tipo. Tratan as relacións
coa nai, coa literatura, co cinema, a violencia cotiá, etc., dando orixe a unha
cosmovisión feminina desde a mesma xénese. A identidade feminina para
“describir o comezo” (p. 65) no que “teño que nomear cada unha das túas
vértebras”( p.33) edificando un universo simbólico desde o suxeito colectivo
feminino “porque esta Matria constrúese logo de perder o medo” ( p.67). E o
eixo que nos acompaña, ao longo desta Matria, é o desexo feminino, autónomo e
consciente. O afectivo e o erostismo articulados literariamente no estético alí
onde “o rito comezaba núas, léndonos” (p. 47).
Pecho o poemario e colócoo no estante sabendo que as palabras
non quedan presas nas páxinas. Elas irán chamando polas compañeiras e, algún
día, mostraránnos mancheas de versos ás que entramos, pola porta aberta por
Andrea Nunes, na procura de novas linguaxes e descubrimos que é posible
“ Retorcer as palabras e rillar entre
os dentes
berros púrpuras”
(p.21)
Andrea Nunes Brións: Todas as mulleres que fun. Compostela: Corsárias, 2011.
>> RELACIONADO: O valor da colleita, por Belén Martín-Lucas.
Comentarios
Publicar un comentario