María Vitoria Moreno ¡Xa non ten medo! Por Carmen Loureiro


Por Carmen Loureiro

“Anque os primeiros días
pasei ben medo
coas sombras, cos ruídos
e co silencio,
souben axiña
que a noite é unha festa
moi divertida”.

Viñeches pousar nunha póla sostida polo vento, vestida pola bruma… non era a túa póla, mais amáchela como se a fose e acariñáchela co son dunha lingua de estrea.

Nesa lingua anovada navegaches co rumbo sostido dos soños, Mar adiante, capitana dos teus desexos, sen medo a naufragar na incomprensión dos vinculeiros.

Como a boneca Uxía, ti convocabas á Festa no faiado da túa amizade a seres distintos, reais ou produto da túa fantasía, sen distingos nin diferenzas.

Con Antón e Leonardo, o seu can, seguiches a afondar nas infancias ventureiras e na estreita relación que as persoas podemos manter coas criaturas non humanas que conviven connosco.

Non sei canto de Anagnórise houbo, se a houbo, nin que cadea de vicisitudes te levaron a dar conta de túa verdadeira identidade, pero sei que nalgún momento soubeches que eras parte de nós e que a nosa lingua era tamén “a casa do teu ser”.

O Cataventos sinalou o camiño para non te perderes e A Brétema veu para lembrar que perderse tamén é unha boa maneira de atoparse máis cabal e cumprida.

-¿Un cachiño de bica?- ¿E haberá tirón de orellas?

A vida que che deu bica, da boa, esponxosa e gorenteira… logo deu tirón de orellas como prezo pola festa… mais ti seguiches contando para que outras cantaran, afouta, con perruca (Guedellas de seda e liño) e sen folgos, mestra sempre, mestra enteira, mestra de vida e de morte, mestra sen medo, serea.

No teu Diario da luz e a sombra soubeches aprendernos a elegancia de morrer sen ruído.

Estas palabras túas son a mellor despedida que se me ocorre para pechar este texto de lembranza dunha muller valente e admirable: “Se eu fose unha fada e tivese na miña man facer de ti unha inmortal e deixarte neste mundo por sempre, eu non che faría esa putada”.

--------
Carmen Loureiro é mestra e psicóloga e especialista en intelixencia emocional. 

Comentarios

  1. Fermosa lembranza vinculada coa arte dunha fada co bo facer das emocións. As túas verbas engaioláronme na busca de María Victoria. Grazas Carmen.

    ResponderEliminar

Publicar un comentario