A festa no faiado, de María Victoria Moreno



Por Lau Ríos

A festa no faiado é un conto infantil escrito por María Victoria Moreno no que se nos conta a historia dunha boneca, Uxía, que foi abandonada no faiado cando a súa dona se fixo maior. En vez de quedar triste sen facer nada, a boneca Uxía decide poñerlle solución ao aburrimento e á tristura e, desde ese momento, fai unhas boas amizades con algúns animais. Entre todos farán unhas festas e reunións que lles fan darse conta do importante que é a amizade sen importar o diferentes que sexan. E a Uxía encántalle xogar cos seus novos amigos e todos os domingos facer unha festa no faiado! Ademais axúdalles a entender mellor o mundo e a xuntar esforzos para conseguir os seus obxectivos: os pardais conseguen a froita, Uxía a comida, etc

Gustoume moito o conto porque a maioría dos contos que leo só teñen rapaces como protagonistas. Nos contos de princesiñas as rapazas só se preocupan de peitearse ou de mirar qué guapas están mentres que os rapaces viven todas as aventuras. Na festa no faiado non. Uxía é quen monta as festas e pásao en grande! Ela organiza, argalla, convida e crea amizades con animais que tamén se senten sós como ela para cambiar as cousas. Aínda así, quen se encarga de levar todo a cabo é Uxía. Isto fíxome pensar que as mulleres e as rapazas sempre parece que estamos obrigadas a facer as tarefas da casa. No conto, Uxía é a que pon todos os días o almorzo e quen llo serve ao Gato. E o domingo é ela quen pon o mantel e vai á cociña buscar a comida e os pratiños. Velo así no conto non me gustou moito pero despois pensei que se a escritora non o puxese tampouco pensaría en canto de inxusto é isto para as rapazas que vivimos fóra dos contos.

Aínda que é un conto moi pequeniño, para nenas e nenos pequenos, recoméndolle a lectura a todo o mundo porque a todas nos gusta, de vez en cando, imaxinarnos montando unha festa cos gatos e os paxaros no tellado da nosa casa e, sobre todo, porque sempre podemos facer algo para cambiar as situacións que non nos gustan!

María Victoria Moreno: A festa no faiado, Vigo, Galaxia, 1983.

Comentarios