![]() |
Imaxe: María Reimóndez |
Por Andrea Nunes Brións
“Amante/non
es máis que palabras. /As
miñas”
M.X.
Queizán
En 'Metáfora da metáfora' unha inicia a desmontaxe dunha tradición literaria enraizada nos valores do patriarcado mediante un procedemento, extraordinariamente eficaz por imprevisíbel, de sinais case subliminais. A través de ecuacións tipo poesía igual a amor, igual a morte, igual a desexo do desexo, igual a negación do real, aparece unha voz que denuncia as imposturas e autoenganos do discurso amoroso canónico e encarnado na figura dun poeta ensimesmado, cuxo único obxeto de adoración son as súas palabras.
Faino
a través da insistente referencia ao mito de Narciso, que coa súa
parafernalia de espellos e de ecos no abismo transfórmase en símbolo
da alineación do home-poeta, absorto na tarefa de amarse a si propio
e de contemplarse na imaxe de muller.
O
termo clave metáfora,
desdóbrase como unha célula viva dende o título xeral e reaparece
en diversas combinacións nos subtítulos de seccións e no corpo de
moitos poemas, funcionando neste contexto como un elemento
desenmascador, que denuncia unha ausencia múltiple; do obxecto do
desexo, do nome que o designa e dos afectos supostamente vinculados
co obxecto e co acto de rebautizalo.
Resalta
a novidade que supón e o atractivo dunha poesía que prefire falar
de metáforas en lugar de usalas ou que as usa para deconstruílas.
O ton dominante, algo desapegado, antidramático, irónico ás veces, son as solucións que da a poeta para expresar as múltiples descolocacións contra todo o imposto, (o español como idioma dominante, o canon literario, o patriarcado, as persoas que asumen os valores do patriarcado, etc).
Así,
Queizán presenta ese amor
como algo que só se pode apoiar na palabra, na palabra de muller
(feminina e feminista). Hai temas ou ideas primordiais no poemario
que se repiten; as
diferentes caras que ten o amor, o amor a Galiza (doloroso) o amor
entre irmás, o amor entre iguais, o amor horizontal, o amor
destrutivo, etc. que aparece dende a visión plural dun mesmo
suxeito.
Por
outra parte, está a idea da creación propiamente dita. O amor como
metáfora mesma; a palabra.
É esa
reivindicación da lingua, que aparece como único amor que lle
pertence, remitíndonos así á paixón polas palabras. Reivindicando
o amor entre iguais, e comparando a realidade da Galiza e da lingua
galega coa situación que temos as mulleres.
O
desexo de escribir nace na nosa poeta como un acto erótico e
amoroso, no que as palabras senten o goce co que se pecha así o
círculo escritura-amante. Queda así reflectido nos versos, a
importancia que lle dá á palabra creadora, e a súa necesidade de
escribir, e deducimos que tanto o acto creador como o acto amoroso
son, en María Xosé Queizán, actos feministas e horizontais.
María Xosé Queizán: Metáfora da metáfora (1991)
Comentarios
Publicar un comentario