![]() |
Thanks for the donuts. Kate Fisher |
Por Eli Ríos
O diario violeta
de Carlota é precisamente iso: un diario que escribe unha adolescente chamada
Carlota. Non existen, polo tanto, nesta narrativa, espazos de fantasía ou
irreais. Carlota escribe sobre o mundo que a rodea.
O día do 14
aniversario de Carlota, a avoa Isabel dalle como agasallo un caderno rosa cunha
mancha violeta e non sabe moi ben qué facer con el. A súa outra avoa, Ana,
propónlle analizar a realidade desde outra perspectiva porque "Todos os
elementos machistas vánsenos metendo dentro do cerebro sen que no deamos de
conta. Precisamente para sermos conscientes, temos que poñer unhas lentes
violetas(*) e miralo todo cuns ollos novos, con ollos feministas
(*) (p.22) xa que "as lentes violetas que me permiten ver- deixando á
parte esa mirada masculina que nos ensina a sociedade- o significado real de
moitas situacións" (p.141) Desta forma, Carlota realiza enquisas, cuestiona
a familiares e persoas coñecidas, observa os medios de comunicación desde a
óptica da igualdade para ir descubrindo as grandes diferencias no tratamento
entre homes e mulleres en cuestións como o sexo, relacións e diferenzas
laborais, educacionais, etc. Afectada por todos os datos que recolle decide
crear ACOMI (Asociación Contra Os Modelos Impostos, p. 122) para dar a coñecer
os resultados das súas pesquisas e implicar non só o seu círculo máis próximo
senón, incluso, a colectividades doutros centros educativos porque "temos
que loitar contra calquera discriminación" (p. 151).
Aínda que na
versión galega hai algunha colocación pronominal que dificulta a súa lectura ("Así pois, convencinche para escribires o teu diario violeta?"- p.
22-, "E que queres que lle eu faga?" -p. 79-, "É que a min me
gustan as mozas..."-P. 119-), en xeral, esta historia está narrada con
moita naturalidade e sentido do humor. Búscase, polo tanto, un achegamento á
persoa que le sen victimizar as mulleres, sen atacar aos homes e cunha linguaxe
próxima á utilizada na adolescencia para facer unha análise de diferentes
aspectos. Ademais inclúe, no final, un glosario no que se explican e detallan
as palabras e conceptos que poidan resultar complicados.
Sen ser unha
novela nin un manual, este diario pon riba da mesa aqueles interrogantes que,
hoxe en día, están de plena vixencia: as expresións que, aínda que non se usen
con intención de facer dano, teñen tintes machistas por tradición, a crueldade
coa que se califica o físico das mulleres, os hábitos aprendidos como que o
rapaz teña que tomar a iniciativa nunha relación amorosa, etc. E, sobre todo
isto, Carlota apréndenos a reflexionar cunha sinxela regra da inversión coa
que, dándolle a volta á nosa forma de ollar as cousas, descubriremos (e incluso
nos sorprenderemos) que a realidade está
chea de prexuizos e desigualdades. Si. Prexuizos e desigualdades que, unha vez
detectados, teñen solución. E Carlota convídanos a xuntarnos nese esforzo.
Gemma Lienas, O diario violeta de Carlota, Galaxia, 2011
Comentarios
Publicar un comentario