Ngahuia na escola

Imaxe: Ánxela Lema París

Por Lau Ríos

A charla da semana pasada na miña escola non só me permitiu aprender a situar Nova Celandia no mapa e saber da cultura maorí senón que me aprendeu dúas cousas, polas que sempre estarei agradecida, que son: 

1- As maxi-segadoras xuntaron os seus esforzos para que Ngahuia puidese vir á nosa clase. Cada unha puxo un pouquiño do seu esforzo e traballo para que esta charla fose posible. Falaron cos tutores e coa directora e, entre todas e todos, Ngahuia alí estaba con nós... de carne e óso! Con nós, na nosa clase!

Ese día entendín aquilo que dicía María Reimóndez de "non agardar por ninguén para facer as cousas, poñer o lombo coas demais polo que importa, reunir os cartos pequenos para facer cousas grandes". Grazas a isto, 50 nenas e nenos coñecemos a Ngahuia.

Miña nai contábame que a primeira vez que falou cunha persoa maorí foi aos seus corenta anos. Nós fixémolo con 11.

2- Outra cousa que aprendín é a importancia de que as persoas maiores nos dediquen tempo para axudarnos a entender o mundo.

Antes de que Ngahuia nos visitase só coñecía da cultura maorí cousas curiosas como as súas danzas ou tatuaxes pero, despois desta charla, sei cómo é o patio no que Ngahuia xogaba de pequena, cómo son as súas cancións, cómo se di "ola" e "benvida" en maorí, como elas poden falar maorí na clase e que ten dous gatiños igual ca min.

Nesta charla, que me soubo a pouco, sentínme moi ilusionada porque as miñas compañeiras e compañeiros aprendemos que as tatuaxes non só son para parecer bonitas senón que teñen un significado ( e sabemos que se chaman mokos), coñecemos a súa sobriña de 17 anos, a súa familia e que, hoxe en día, moita xente maorí vive en cidades grandes.

A min gustaríame moito ter unha avoa tan moderna como Ngahuia e que todas as fins de semana fosemos para a aldea e me falase dos seus gatos bailaríns e me lese os seus poemas para durmir. Iso foi o que soñei esa noite pero nunca se sabe... cando sexa maior igual podo contarlles ás nenas e nenos de Rotorua cómo coñecín a Ngahuia nun recunchiño dunha terra chamada Galicia.

Comentarios