![]() |
Gin & Tonic de Renate Flynn |
Por Eli Ríos
Empar Moliner é
unha escritora que se define a si mesma como unha bebedora empedernida de viños e gintónics,
antifeminista, ciumenta, posesiva, fan de Baltasar Porcel, incívica, contraria
á discriminación positiva, intolerante coas relixións, ex-hippie e histriónica.
Neste conxunto de relatos establece unha cruzada contra o civismo, o
ecoloxismo, o feminismo, o gremio de escritores, o discurso político e
xornalístico, os progres, os cociñeiros "estrela", a integración lingüística
dos inmigrantes ou os libros de autoaxuda. E non se detén aí! Utilizando a
metaficción, o metaperiodismo, a narración experimental e a docuficción xoga
cos binomios verdade-mentira, referencialidade-ficción ou orixinalidade-copia
para arremeter contra os novos credos, as ruindades dos sistemas literarios, os
tópicos dos discursos, as tolemias dos progres ( bautizos civís, cine social,
boicote aos productos americanos, etc) ou as escravitudes das linguaxes
publicitarias. E aquí, neste punto, é onde a narrativa da autora pon a
sociedade contemporánea patas para arriba. Retrata o mundo moderno con todas as
súas contradiccións, os costumes impostos pola publicidade ou a moda e os
tópicos aos que nos aferramos culturalmente para revitalizar e refundir os
modelos anteriores co obxectivo de loitar contra a visión unívoca que se nos
transmite nos medios de comunicación ou na mesma educación. A autora utiliza
dous recursos nesta estratexia subversiva: a anécdota e o humor.
Os relatos de T'estimo si he begut están protagonizados por
personaxes que narran experiencias autobiográficas, é dicir, o caracter real ou
ficticio dos sucesos constrúen o argumento para defender as teses expostas. A
verosimilitude apóiase nas vivencias e reflexións de quen vive os feitos e no
testemuño propio. Esta forza persuasiva asenta, polo tanto, no exemplo. Desta
forma, a eficacia, tanto da exemplificación como da analoxía, xera un proceso
inductivo no que a consideración dos casos particulares provoca unha
xeneralización. Sen afirmar nada taxativamente, as personaxes argumentan de
forma indirecta, moi amena, e establecen unha complicidade entre quen le e o
emisor desa reflexión, suxerida, sobre a vida cotiá. A precariedade emocional,
os medos, o amor romántico (L'evolució anual de la veu humana), valores tradicionais (
Els beneficis
de la lactància materna), as "modas" no diálogo de parella ( La
interpretació dels somnis) ou o feminismo e a cooperación ( El dia de la
dona) son discursos que interactúan no debate social e que, aquí, se
presentan en localizacións habituais en calquera cidade e cun léxico literario
próximo á linguaxe oral actual. Así, utiliza expresións, fixadas no
subconsciente de quen le, como as abreviaturas ( "Un paki ens ofereix
roses", p.52 ) ou, entre outras moitas, as frases feitas ( "És una
cultura que t'énsenya a relativizar la idea d'ombligo del mundo que
tenim els blanquets europeus", p. 73).
Se o xogo entre
as personaxes creadas da autora e as personaxes e o estilo narrativo que
acompaña estes episodios, xa por si mesmo, é moi interesante, a forma como se
presentan é o grande logro deste libro. O humor, a ironía, a sátira e a parodia
apelan ás emocións da recepción e teñen como finalidade quebrantar a orde
patriacal. O humor feminino, como táctica desestabilizadora, desafía o discurso
ideolóxico dominante representando todos os seus absurdos e incoherencias até o
punto de colocalo no grotesco máis absoluto.
“Humor is a
weapon. Laughter is refusal and triumph. Humour is dangerous because is about
decentering, dis-locating and de-stabilising the world” [1] porque
a maioría das culturas non acepta a escrita cómica por parte das
"damas"( unha muller educada non debe contar chistes). O humor é unha
arma que descentra, desloca e desestabiliza. A escrita cómica require agresividade,
sátira, ridículo e, polo tanto, a ausencia desa amabilidade que se lle supón á
producción tradicionalmente feita por mulleres. E os relatos de Empar Moliner
son incisivos, mordaces, cáusticos... As situacións de tan reais chegan ser
absurdas... Desde a primeira páxina até a última. O humor de T'estimo si he
begut desmonta os códigos de comportamento tradicionais e desmitifica os
tabús chegando incluso á hilaridade en "La baixa qualitat de la poesia
contemporània". Pero non só expón unha crítica aos homes que impoñen
os roles machistas senón tamén ás mulleres que os perpetúan. Utilizando só a
suxerencia, o humor e a vivencia para retratar o absurdo das afirmacións como a
que fai a protagonista de L'evolució anual de la veu humana (cando
explica o seu apaixonamento polo profesor de teatro): "Si no em sentís tan
femenina i tan dona como em sento, diria que tinc una erecció..."(p.37).
Neste sentido, o
relato Carta al meu fill no biològic é unha antoloxía de todo o
que até aquí comentamos: experiencia en primeira persoa, conceptos
actuais sobre a adopción como " l'adopció, a diferència de la paternitat
biològica, sí que és un embaràs compartit al cinquanta per cent entre pare i
mare" (p. 115), nunha sociedade na que este proceso é tutelado por dúas
psicólogas que usan técnicas teatrais para exteriorizar emocións... E cando
esas emocións saen cara o exterior as familias candidatas a adoptar expresan as
súas preferencias por un neno do Nepal porque na urbanización xa hai un nepalí
e non desentoaría co entorno, outros prefiren " el més igual possible a
nosaltres(...) Però no perquè siguem egoistes. És perquè en aquesta societat
contemporània nostra encara hi ha tant de racisme..."( p.116) ou a
candidata que " Em fa l'efecte que és lesbiana i que procura que les
psicòlogues no ho endevinein"( p. 11). A sociedade no seu conxunto
caricaturizada pola inercia, polo feito de asumir novos dogmas sen ter
desmontado os anteriores, perpetuando as vellas estruturas cun novo formato. E
cun humor irreverente que nos fai decatarnos de canto de absurdo teñen moitas
das situacions do noso cotián. Un espello no que rirnos de/con nós mesmas tamén
porque " Laughter is refusal and triumph"[2].
Comentarios
Publicar un comentario