Forza e control

Imaxe: María Reimóndez

Por María Reimóndez

Se algunha vez alguén tivo dúbida da conexión entre os mundos da fantasía, no literario e fóra, e aqueles que denominamos “o real” (deixarei a crítica da Matrix para outro día) achegarse a O Gran Reino acabará de disipar esas incertezas. Non é novidade ningunha ler a ficción científica ou a literatura denominada “fantástica” como glosas sobre o que existe, pero neste caso o tema vólvese a materia da propia narración. Unha materia que toma forma corpórea nunha adolescente, Galadriel, que anda, na miña lectura, á procura dun espazo onde poidan convivir a forza e o (auto)control.

Aínda que as capas de lectura deste Gran Reino poden ser moitas, vou ficar nesta concreta. Porque rara vez atopamos na literatura protagonizada por adolescentes unha personaxe como Gala. Certo é que o estereotipo masculino do heroe que ten poderes e non sabe que facer con eles pode ecoar como referencia, mais precisamente o interesante de Gala é que foxe e se arrepón ao discurso adquirido. Para empezar, o único poder que ten Gala é a súa intelixencia, a súa creatividade. Algo ao alcance de calquera moza. Algo fanado socialmente en calquera moza. Como ben nos recorda Carlos Negro en Penúltimas tendencias, o mundo do rosa ao que nos vimos sometidas as que fomos adolescentes e ao que se vén sometidas as que o son agora implica tamén unha asunción da parvicie e da superficialidade por defecto para definir o feminino. As mozas poden ser calquera cousa, mais nunca intelixentes. E moito menos intelixentes de máis. Esa é unha chata incomprensible que fai que unha non saiba que facer con ela.

Porén, Gala atopa unha maneira, controvertida e por veces maléfica (e aló vai outro estereotipo, o da adolescente riquiña, o da muller que ten que agradar a toda costa). Unha moza que sabe aproveitar moi ben as feblezas alleas para o seu propio beneficio. Que sabe usar o estereotipo para o ben propio. Dubido que ningunha adolescente a quixese inicialmente como amiga ante esta descrición, mais a astucia desta novela fica en que malia todo isto Gala é alguén a quen queremos emular porque na súa perfidia está tamén unha creatividade sen límites, aquela da que agroma O Gran Reino. 

A novela percorre a través do dobre xogo dos espazos un interesante crisol de temas, dende a construción do poder ata a capacidade autodestrutora de nós mesmas. Mais no fondo deses mundos latexa un aspecto igualmente interesante: a capacidade reguladora dos afectos. Nun mundo no que se nos di a miúdo que o importante é ter (e os pais de Gala déronlle todo o que materialmente precisaba), onde se pon de relevo a intelixencia como cualificación (e as súas notas eran sempre excelentes), a competitividade por bandeira (solitaria) e onde se nos di que o mundo do coidado e dos afectos non ten importancia, máis ben ao contrario, a novela de Eduardo Santiago incide na capacidade transformadora destes últimos elementos.  Porque sen eles, calquera capacidade creativa se volve controladora. Así, Gala semella querelo controlar todo, se cadra porque non é quen de controlar o poder que leva dentro e de usalo para nada positivo para si mesma. Pode que a outras si, pero a Gala a maldade, no fondo, non a fai feliz. E ese é un camiño que a novela deixa que percorra por si mesma.

Aí tamén a reflexión do Gran Reino abre novas portas. A través da personaxe da doutora Regueiro entendemos que os afectos deben estar o máis lonxe posible do aséptico e da dominación, que mesmo a profesionalidade médica ten que pasar por eles, que non é a distancia senón a proximidade a que fai profesional a unha persoa en tantas ocasións, máis nese tipo de contextos. O obxectivo da doutora, moi ao contrario do que acontece en tantas situacións ás mozas intelixentes de máis, non é controlala senón entendela e acollela. O seu obxectivo non é, como adoito acontece nas narrativas do amor romántico feitas á medida para estas idades, domesticar a Gala, adestrala para ser o agardado. Senón simplemente facela dona verdadeira de toda a forza que leva dentro de xeito que non a destrúa no seu proceso. E ao final do libro quedamos coa pregunta de se será Gala capaz de obter o control pero sen perder a forza. Eu quero pensar que si, mais se non o consegue dará unha malvada espectacular nalgún outro relato futuro, porque as mulleres malas tamén teñen dereito a rachar os estereotipos e a campar pola nosa literatura sen xustillo patriarcal.

Santiago, Eduardo. O Gran Reino. Xerais, 2014. Premio Jules Verne de narrativa xuvenil

Comentarios