A noite do império minuto*

Woman IV de Sheila Tostes

Por Eli Ríos

*contén spoliers
En A noite das mulheres cantoras, a protagonista Solange de Matos conta en primeira persoa o proxecto de criar un grupo musical nos anos oitenta en Portugal. Apocalipse, que así se chama a banda de mulleres cantoras, pretende deixar de lado a canción lusitana tradicional e achegarse á "música para ver" con ritmos pop e letras sinxelas. Recorda, 21 anos despois, Solange, ese momento no que soñaban cos seus quince minutos de gloria. E as lembranzas van e veñen: axugan o pasado co presente e o futuro. Bambeando entre 1998 e 2009, Lídia Jorge quebra a linearidade do tempo narrativo, maxistralmente, xerando unha espiral que, nas continuas idas e voltas ao pensamento, nese instante en que se enuncia como no xa enunciado, revira unha e outra vez. A autora móstranos que, para comprender o paso do tempo, precisamos ter a mente esperta porque, no século XXI, entramos no "império minuto". Ese no que os "os momentos de tal modo concentrados que, ainda que ocupassem mais de meia hora, na percepção da assistência, cada prestação deveria não durar mais que um segundo"(p.15). E nesta articulación perfecta dos tempos, que só é capaz de conseguir Lídia Jorge, a construción das personaxes enxerga unha solidez que unicamente no final, con todas as pezas do quebracabezas no lugar exacto, nos permite comprender que a esta narrativa non lle sobre nin lle falta unha coma.

O emponderamento destas cinco mulleres non é alleo á sociedade portuguesa da época nin aos seus problemas. A pesar de todo hai algo que, ao longo da novela, as diferencia do seu redor: a consciencia de que "vivemos mergulhados no fluxo do mesmo tempo. Talvez essa coincidência seja a maior intimidade que se possa ter neste mundo. E essa tivemo-la nós"(p.317). Así, sofren cando Madalena Micaia é asasinada pola falta de medios sanitarios adecuados despois do parto, cando o namorado de Maria Luísa lle tronza o brazo coa porta do coche, cando se decatan que Gisela  dorme com o pai" ou cando Solange descobre que o único homem ao que amou na súa vida e o seu colega "só a querem para manivela"(p.278). Si... sofren, choran, rin ,etc, porque a verdadeira heroicidade é encontrarse coa "gente que tudo aquilo que desejava em abstracto procurava alcançar no concreto" (p. 77) até conseguir o obxetivo preciso para "acreditarmos em quem? A resposta era só uma- Em nós mesmas." (p. 151). Son personaxes humanas, moi humanas. Ás veces tanto que parecen sacadas dun xornal de actualidade para retirar todas esas capas de cebola da fama, as roupas, as básculas, etc, e mostrarnos a escravitude atroz do culto á imaxe que se oculta no cerne.

Lídia Jorge xa nos ten acostumadas a unha narrativa na que os espazos privados reflecten un ollar ético e reflexivo sobre os sociais. Em A noite das mulheres cantoras é a linguaxe a que deita esa visión crítica co pasado colonial (de onde proceden as protagonistas) suxerindo a revisión da herdanza recibida para, tal como explica a propia autora, provocar a reacción das persoas que están no outro lado da páxina: “Se existe alguma coisa de dirigido, durante o processo de criação, talvez seja sobretudo a esperança de que o leitor entenda a minha proposta de alteração ao real. Nesse campo, não nego que escrevo para subverter quando não mesmo para inverter”(1). Pero, nesta escrita inversora, que ninguén procure grandes discursos apoloxéticos porque as palabras son como pequenas picadas de nespra. Desas rozaduras que enxertan na pel das persoas que as len sen que dean por iso até que "está visto que o importante se encontra dito"(p.317).

Lídia Jorge: A noite das mulheres cantoras. Editora LeYa, 2011.


---------
(1) en Ferreira, Ana Paula, Para um leitor ignorado. Ensaios sobre a ficção de Lídia Jorge. Texto Editora, Lisboa, 2009




Comentarios

  1. A miña noraboa por esta moi orixinal iniciativa.malia que eu me ache en Valencia,porque non saibo onde pode ficar un monumento da nosa RDC,no seu canto si se fará un recital coas suúa poesías en galego.
    Saúdos dunha paisana vosa.Ana Arias Saavedra que lle gusta a vosa labor

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Grazas a ti Ana! Que marabilla o do recital. Saudiños!

      Eliminar

Publicar un comentario